Concello de Ourense Denuncias Política municipal

Jácome abandona nun almacén os coches oficiais do Concello de Ourense

JÁCOME ABANDONA NUN ALMACÉN OS COCHES OFICIAIS DO CONCELLO DE OURENSE QUE ÍA VENDER MENTRES MALGASTA EUROS PÚBLICOS EN VEHÍCULOS CON CHOFER

No lugar de empregar estes dous vehículos, o rexedor da terceira cidade de Galicia e o seu séquito de concelleiros e asesores colocados a dedo, viaxan en vehículos de alta gama de aluguer ou en taxi

Os socialistas cualifican o alcalde como “o rei do fume” que “só sabe facer propaganda que repercute negativamente na cidade” xa que “teñen Ourense asediada polo abandono, as fochancas e as silvas”

Ourense, 16 de febreiro de 2020. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, mantén agochados e abandonados nun vello almacén os coches oficiais do Concello que, segundo anunciou a bombo e platillo en agosto do ano 2019, pretendía vender para aforrar, ingresar cartos e dar exemplo. Agora, no lugar de empregar estes dous vehículos no seu traballo, o rexedor da terceira cidade de Galicia e o seu séquito de concelleiros e asesores colocados a dedo, viaxan en vehículos de alta gama de aluguer con conductor ou en taxi, malgastando avultadas cantidades de fondos públicos municipais, posto que os choferes municipais seguen a traballar na institución pública ourensá noutras tarefas.

Os socialistas cualifican o alcalde como “o rei do fume” que “só sabe facer propaganda populista que repercute negativamente na cidade”. “Pretende dar leccións de exemplaridade cando as únicas leccións que coñece son a do despilfarro e de aparcar ilegalmente o seu turismo particular”. Jácome dixera en agosto que pretendía “facer unha campaña para que se utilice máis o taxi en Ourense”, pero medio ano despois non hai nin rastro de campaña algunha e os coches que son patrimonio público están agochados acumulando po.

coches_concello_ourense_abandonados_mont.png

O PSdeG-PSOE pedirá explicacións detalladas do custe económico que están a supor para os petos de toda a veciñanza estes feitos, derivados de ocorrencias de Jácome que só serven para “vender fume e facer o ridículo para tratar de conseguir titulares nos medios de comunicación”.

Bicicletas tamén abandonadasOs coches oficiais non son único desleixo do goberno bipartito de Democracia Ourensana e PP co patrimonio público de Ourense. A pesar de que defenden insistentemente a súa “aposta” pola “mellora da mobilidade alternativa”, boa parte do parque de bicicletas públicas da rede “BiciOurense” están tamén abandonadas e nun pésimo estado de conservación.

biciclestas_concello_ourense_abandonados.jpeg

Desde o grupo municipal do PSdeG-PSOE recordan que o concelleiro, Miguel Caride, prometera que estes vehículos ían ser arranxados e postos a punto para prestar novamente servizo, mais seguen amontoadas e agochadas dos ollos de todos e todas. “A falta de dilixencia do goberno de Jácome cos servizos públicos está convertendo a cidade nun caos” xa que “teñen todo abandonado á súa sorte e unicamente andan raudos para enchufar asesores ou para regar de millóns a rúa na que vive e están os negocios do alcalde, mentres as fochancas e as silvas invaden o resto de Ourense”.