JÁCOME ABANDONA NUN ALMACÉN OS COCHES OFICIAIS DO CONCELLO DE OURENSE QUE ÍA VENDER MENTRES MALGASTA EUROS PÚBLICOS EN VEHÍCULOS CON CHOFER
No lugar de empregar estes dous vehículos, o rexedor da terceira cidade de Galicia e o seu séquito de concelleiros e asesores colocados a dedo, viaxan en vehículos de alta gama de aluguer ou en taxi
Os socialistas cualifican o alcalde como “o rei do fume” que “só sabe facer propaganda que repercute negativamente na cidade” xa que “teñen Ourense asediada polo abandono, as fochancas e as silvas”
Ourense, 16 de febreiro de 2020. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, mantén agochados e abandonados nun vello almacén os coches oficiais do Concello que, segundo anunciou a bombo e platillo en agosto do ano 2019, pretendía vender para aforrar, ingresar cartos e dar exemplo. Agora, no lugar de empregar estes dous vehículos no seu traballo, o rexedor da terceira cidade de Galicia e o seu séquito de concelleiros e asesores colocados a dedo, viaxan en vehículos de alta gama de aluguer con conductor ou en taxi, malgastando avultadas cantidades de fondos públicos municipais, posto que os choferes municipais seguen a traballar na institución pública ourensá noutras tarefas.
Os socialistas cualifican o alcalde como “o rei do fume” que “só sabe facer propaganda populista que repercute negativamente na cidade”. “Pretende dar leccións de exemplaridade cando as únicas leccións que coñece son a do despilfarro e de aparcar ilegalmente o seu turismo particular”. Jácome dixera en agosto que pretendía “facer unha campaña para que se utilice máis o taxi en Ourense”, pero medio ano despois non hai nin rastro de campaña algunha e os coches que son patrimonio público están agochados acumulando po.
O PSdeG-PSOE pedirá explicacións detalladas do custe económico que están a supor para os petos de toda a veciñanza estes feitos, derivados de ocorrencias de Jácome que só serven para “vender fume e facer o ridículo para tratar de conseguir titulares nos medios de comunicación”.
Bicicletas tamén abandonadasOs coches oficiais non son único desleixo do goberno bipartito de Democracia Ourensana e PP co patrimonio público de Ourense. A pesar de que defenden insistentemente a súa “aposta” pola “mellora da mobilidade alternativa”, boa parte do parque de bicicletas públicas da rede “BiciOurense” están tamén abandonadas e nun pésimo estado de conservación.
Desde o grupo municipal do PSdeG-PSOE recordan que o concelleiro, Miguel Caride, prometera que estes vehículos ían ser arranxados e postos a punto para prestar novamente servizo, mais seguen amontoadas e agochadas dos ollos de todos e todas. “A falta de dilixencia do goberno de Jácome cos servizos públicos está convertendo a cidade nun caos” xa que “teñen todo abandonado á súa sorte e unicamente andan raudos para enchufar asesores ou para regar de millóns a rúa na que vive e están os negocios do alcalde, mentres as fochancas e as silvas invaden o resto de Ourense”.

