Denuncias Deputación de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL

O PSdeG de Ourense denuncia ante o Consello de Contas o reparto a dedo de contrato menores feito por Baltar

O PSDEG-PSOE ENTREGA Ó CONSELLO DE CONTAS UN MILLEIRO DE FOLIOS COA DOCUMENTACIÓN DO REPARTO A DEDO DE BALTAR DE SETE MILLÓNS FRAGMENTADOS EN 160 CONTRATOS MENORES

Tamén trasladaron documentación ó ente fiscalizador das contas e da xestión económico-financeira do sector público galego sobre o mesmo proceder nos contratos menores de subministros e servizos

“Non descartamos outras accións legais posto que, ó longo do último lustro, estamos a falar de centos de adxudicacións menores que suman decenas de millóns de euros”, asevera Villarino

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2020. O PSdeG-PSOE entregou ó Consello de Contas de Galicia, un milleiro de folios coa documentación anexa á denuncia sobre o “reparto a dedo” de sete millóns de euros da Deputación de Ourense, “fragmentados de forma presuntamente irregular en 160 contratos menores de obra” entre catro empresas, executado por Manuel Baltar ó longo dos dous últimos anos. Tamén trasladaron extensa documentación sobre o mesmo proceder do goberno provincial bipartito PP-DO nos contratos menores de subministros e servizos.

consello_contas.png

O ente fiscalizador das contas e da xestión económico-financeira do sector público galego ten agora un prazo de tres meses para pronunciarse sobre a cuestión, ó amparo da súa competencia para investigar denuncias sobre irregularidades na xestión de calquera das entidades que integran o sector público da comunidade autónoma.

Os socialistas salientan que, trala entrada en vigor da nova Lei 9/2017 sobre contratos públicos, o goberno de Baltar repetiu estas adxudicacións menores, en moitos casos con importes exactamente iguais, no borde do límite máximo, independentemente do obxecto e sempre entre as mesmas empresas. Noutros casos directamente incumpriu o límite legal por razón de cantidade. Sen embargo, este sistema de fraccionamento supostamente irregular non é novo e coa anterior normativa de contratación o proceder era moi similar.

O voceiro do PSdeG-PSOE, Rafa Villarino, asegura que o Consello de Contas “deberá determinar se Baltar, ademais de incumprir o espírito da lei de contratos, tamén executa actos supostamente ilegais que parecen unha cadena de favores”. O socialista salienta que existe una “violación evidente” da legalidade en “polo menos 15 obras menores superiores a 40.000 euros, o límite que establece a legalidade, e ata 10 contratos de servizos superiores a 15.000 euros, o outro tope fixado”. “Case todas as obras que adxudican a dedo teñen sospeitosamente o mesmo importe, cando se trata de obras de natureza completamente distinta” o que, segundo o voceiro, “tamén evidencia outras presuntas ilegalidades que, en primeira instancia, debe clarexar o ente fiscalizador galego”. “Non descartamos outras accións legais posto que, ó longo do último lustro, estamos a falar de adxudicacións menores que suman decenas de millóns de euros”, asevera.

Paralelamente á instrucción contable e fiscal solicitada a Contas, o PSdeG-PSOE de Ourense tamén acaban de impulsar a constitución dunha comisión especial de investigación na Deputación —a súa creación deberá ser votada no pleno do día 28 de febreiro—, para indagar o proceder político e administrativo do Goberno de PP e Democracia Ourensana.

Desde o 1 de xaneiro de 2018 a Deputación adxudicou á empresa ‘Manuel Viso e Hijos’ 1,9 millóns en 58 contratos menores. A continuación sitúanse ‘Camiños de Ourense’ con 1,5 millóns en 40 contratos; ‘Coviastec’ con 1,4 millóns e 38 contratos; e Explotacións Medioambientais con 0,8 millóns en 24 contratos. A todos os importes de adxudicación destas obras en decenas de concellos da provincia hai que engadir o IVE. Nesta análise non se teñen en conta os cartos recibidos por estas mesmas empresas con contratos adxudicados polo procedemento ordinario mediante concurso.

Actualización a 19 de maio de 2021:

O PSOE valora accións legais tras confirmar o Consello de Contas a trama de contratos a dedo de Baltar