concellos Denuncias Política municipal

O goberno da Xunta recorta os fondos públicos para a mellora de camiños rurais en Ribadavia

O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE A XUNTA DE GALICIA RECORTA OS FONDOS PÚBLICOS DESTINADOS A MELLORA DE CAMIÑOS RURAIS EN RIBADAVIA ANTE O “BENEPLÁCITO DUN ALCALDE CÓMPLICE”

Os socialistas denuncian que en 2020 o Concello pasará a recibir 26.351 euros, con respecto os 36.637,98 que percibiu o ano pasado, nun claro exemplo de “abandono sistemático do noso rural”

O voceiro socialista, Ignacio Gómez, afirma que o alcalde de Ribadavia “non ten pes no PP” e que “ter un goberno “amigo” na Xunta non beneficia de nada a Ribadavia, a pesar de todo o que nos vendeu”

Ourense, 19 de febreiro de 2020. O PSdeG-PSOE denuncia que a Xunta de Galicia e o goberno de Alberto Núñez Feijóo recortaron os fondos públicos destinados a mellora de camiños rurais en Ribadavia, ante o “beneplácito dun alcalde cómplice”. Os socialistas denuncian a redución de 10.000 euros das axudas o Concello para a mellora dos accesos as parcelas agrícolas, pasando neste 2020 a unha cifra de 26.351 euros, cando en 2019 se percibiron 36.637,98, o que amosa unha vez máis o “abandono sistemático do noso rural por parte do goberno do Partido Popular de Galicia”.

Os socialistas levarán o próximo pleno do concello de Ribadavia unha moción referente o plan marco da Xunta de Galicia para a mellora de camiños rurais, no que solicitarán que se inste á Xunta de Galicia a non recortar os fondos deste plan que mellora os accesos ás parcelas agrícolas para o período 2020-2021. Dende o Grupo Municipal pedirán o acordo dos grupos políticos do pleno para que no caso de que a Xunta manteña o recorte, se inste a Deputación de Ourense a que aporte ós concellos da provincia os fondos suprimidos do plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas.

Dende o Grupo Municipal Socialista “non dan creto” a un novo episodio por parte do goberno autonómico nunha lexislatura na que tal e como vendía Feijóo ía a ser a do rural. “Atopámonos conque aquelas promesas electorais na campaña de 2016 non se viron cumpridas, xa que o único que se fixo neste período de 4 anos foi recortar sistematicamente no rural e en Ribadavia sufrimos a tesoira do señor Feijóo, que sen ir máis lonxe, nos últimos orzamentos autonómicos dedica 0 euros a inversións na nosa vila”, sinala o voceiro socialista Ignacio Gómez.

Dende o partido do puño e a rosa tamén denuncian que o alcalde de Ribadavia, o popular César Fernández, “non leva feito nin unha soa inversión en camiños do rural en 8 meses de mandato, cando na anterior lexislatura co PSdeG no goberno se arranxaron e se cometeron actuacións en máis de 40 camiños do Concello, ben con fondos propios, ou a través do plan de arranxo do rural asinado coa propia Deputación de Ourense”, explica Gómez.

O voceiro socialista sinala o alcalde como principal culpable destes recortes e afirma que “é un alcalde que non ten peso no PP” o destacar que “este señor non é capaz de dar un golpe na mesa e reivindicar ante a Xunta de Galicia e a Deputación o que a nosa vila precisa”. O PSdeG-PSOE na vila acúsao tamén de “non dar resposta sobre se fixo algunha reivindicación ou recibiu algunha resposta positiva por parte do ente autonómico” e confirman que “sabemos que é imposible porque este alcalde non ten peso no Partido Popular”. “Parece que ter un goberno “amigo” na Xunta, tal e como nos vendía o PP de Ribadavia fai uns meses, non sirve de nada, nin da solucións os problemas reais da nosa vila, senón máis ben o contrario”, apunta o socialista Ignacio Gómez.

“Ribadavia en 8 meses de mandato do Partido Popular veu como se recortaban os fondos para os camiños do rural, con este alcalde pecha o colexio da Alameda, senlleiro e que era un orgullo para todos os ribadavienses, seguimos sen psicólogo no centro de orientación familiar do centro de saúde, péchase o museo etnolóxico de Ribadavia algúns días, algo que nunca ocorreu”, destaca o voceiro socialista Ignacio Gómez, quen tamén apunta que “e o máis importante, vemos como hai 0 euros de inversión da propia Xunta de Galicia en Ribadavia o que amosa que isto non é máis que un suma e sigue de ataques do Partido Popular o rural”.