concellos Política municipal

O PP aproba uns orzamentos para Leiro faltos de ambición e sen proxecto

O PSDEG-PSOE CRITICA QUE OS ORZAMENTOS APROBADOS POLO PP EN LEIRO ESTÁN “FALTOS DE AMBICIÓN, SEN PROXECTO E NON CONTEMPLAN UN PLAN ESTRATÉXICO DE CARA O FUTURO”

Os socialistas acusan o alcalde, o popular Francisco José Fernández, de “non traballar pola veciñanza” e de xestionar o Concello de un xeito “personalista” sen ter nada claro “cara onde se dirixe Leiro”

O voceiro municipal do PSdeG, Manuel Rodríguez, afirma que “estes orzamentos non son sociais, nin solidarios e o capítulo de inversións é paupérrimo, o que amosa a falta de interese polo noso municipio”

Ourense, 21 de febreiro de 2020.  O PSdeG-PSOE de Leiro amosa o seu total “rexeitamento” co voto en contra os orzamentos aprobados polo Partido Popular no último pleno extraordinario do Concello. Dende o grupo municipal socialista critican que se trata duns orzamentos que están “faltos de ambición, sen proxecto e que non contemplan un plan estratéxico de cara o futuro”. En palabras do voceiro socialista, Manuel Rodríguez, “son unas contas levadas o extremo do mínimos esforzo, totalmente continuistas, planas, con pouca ambición e que non dan resposta as necesidades reais de Leiro e as súas xentes”.

Dende o seno do PSdeG en Leiro acusan o alcalde, o popular Francisco José Fernández, dun “inexistente traballo político”, que segundo as fontes do partido do puño e a rosa fai que “non exista un traballo exhaustivo e con tesón pola veciñanza do noso Concello”. Pero os socialistas van máis aló aínda e destacan que o alcalde “xestiona o Concello dun xeito personalista sen ter nada claro de cara onde se dirixe o noso municipio”. Enumeran unha serie de motivos polos que o voto do PSdeG-PSOE de Leiro foi en contra entre os que destacan “que sexan un corta e pega dos anteriores, con liñas continuistas, faltos de ambición, nos que non se albisca un proxecto, insolidarios, ineficaces e faltos dun plan estratéxico municipal de cara o futuro”. Motivos que os socialistas consideran básicos para unha poboación que “mingua cada ano e marcha na procura dun futuro”.

Para o Grupo Municipal Socialista os orzamentos, ademais de non aportar nada novo, “pasan olimpicamente de temas importantes, necesarios e esenciais para Leiro como son a vivenda, a viticultura, o comercio, o termalismo, o turismo, o emprego, o medio ambiente, o asentamento de poboación e o estado de benestar, materias básicas e que tanto están a demandar a veciñanza, namentres o grupo de goberno ignora as súas reclamacións amosando nestas contas que non lles importa o benestar e as necesidades dos veciños e veciñas de Leiro”, sinala Rodríguez.

“Os orzamentos é o maior exercicio de responsabilidade e a partida máis importante a que se enfronta a corporación municipal, polo que requiren un minuciosos estudio”, explica o voceiro socialista, que tamén apunta “algo que os grupos da oposición non puidemos realizar, xa que no meu caso, se me entregou a documentación 48 horas antes do pleno, sen tempo para estudalos afondo e preparar as emendas pertinentes con esmero e detalle, algo que non houbese acontecido se se entregasen unha semana antes, como debería ser habitual”.

Para o PSdeG na localidade do Ribeiro, “resulta moi grave” que as partidas de inversión “reflexen uns números paupérrimos”, e acusan o Partido Popular de “aprobar uns orzamentos afastados da xustiza social, que non fomentan o emprego no municipio e que optan por exercer a caridade, algo que é pan para hoxe e fame para mañá”, subliña Manuel Rodríguez, antes de finalizar dicindo que “Leiro precisa e necesita que se creen oportunidades no conxunto da cidadanía, facendo do noso concello, un concello máis social e no que se creen oportunidades, prosperidade e benestar para os nosos veciños e as nosas veciñas”.