INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

O PSdeG-PSOE comprométese coa igualdade salarial entre homes e mulleres

O PSDEG-PSOE DE OURENSE CELEBRA O DÍA DA IGUALDADE CUN ACTO NO QUE AMOSA O COMPROMISO PARA REMATAR COA DESIGUALDADE LABORAL, SALARIAL E A DISCRIMINACIÓN A MULLER

Os socialistas destacan que grazas ás melloras introducidas polo Goberno socialista desde xuño de 2018 conseguimos reducir case 2 puntos a brecha de xénero nas pensións

No acto participaron o voceiro socialista, Rafael Rodríguez Villarino; a secretaria provincial de igualdade, Zaida Rodríguez Camba e a secretaria de igualdade de UGT Ourense, Carmen González

Ourense, 22 de febreiro de 2020.  O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou esta mañá un acto institucional na Castañeira, no que aproveitando que hoxe 22 de febreiro, celébrase o día da igualdade salarial, reivindicou a figura da muller na vida laboral, amosando o compromiso dos socialistas para acabar coa desigualdade laboral e salarial resultado da suma de discriminacións que as mulleres sofren no mercado de traballo e no ámbito privado. Feito contrastado polos últimos datos que se manexan de 2017, onde salario medio bruto das mulleres representou o 78% do salario medio bruto masculino. A brecha salarial de xénero sitúase no 22%.

Por este motivo, as mulleres teñen máis dificultade para acceder ao mercado de laboral e para promocionar unha vez conseguido un emprego. A realidade laboral das mulleres caracterízase pola parcialidade – as mulleres supoñen o 74,13% dos contratos a tempo parcial – INE 4T 2019- , por contar con máis taxa de paro – 12,23% homes e 15,55% mulleres – INE 4T 2019- e menor taxa de actividade – 64,24% homes e 53,53% mulleres – INE 4T 2019 – e de emprego – 70,8% homes e 60% mulleres – INE 4T 2019 – . Tamén atopan máis obstáculos para acceder a postos de responsabilidade. Nas empresas do IBEX-35, en 2018, as mulleres conselleiras só representaban o 23,2% e as presidentas o 8,8%, tal como indica o INE.

Para o PSdeG-PSOE de Ourense é indispensable profundar na mellora das condicións das mulleres no ámbito da súa independencia económica e, xa que logo, da garantía das condicións materiais para ter unha vida digna. Para o presente, cun traballo que lles permita ter un proxecto de vida propio. E para o futuro, porque de como sexan eses traballos (tipos de contrato, xornada, salario, etc.) dependerán as pensións que reciban.

Un acto que contou coa presenza de numerosos militantes, concelleiros e concelleiras e no que tomou a palabra en primeiro lugar, a secretaria de igualdade do PSdeG-PSOE de Ourense, Zaida Rodríguez Camba, quen subliñou que “nesta data, instaurada en 2008 polo Parlamento Europeo queremos lembrar que as mulleres cobran unha media dun 15% menos que os seus compañeiros varóns, o que supón que terían que traballar 418 días para igualar o salario que os homes reciben en 365 días”.

Para a secretaria de igualdade socialista en Ourense e voceira do grupo municipal socialista en Allariz existen uns factores claves de esta fenda salarial. “As causas da fenda salarial de xénero son diferentes e poden estar interrelacionadas, creando un conxunto de influencias, en ocasión inconscientes, que obstaculizan as nosas carreiras profesionais, tanto no referente ó acceso a emprego e promoción, como no tocante a remuneración e compensacións, desenvolvendo o mesmo posto ou de igual valor”, apuntou Zaida Rodríguez, que finalizou a súa intervención afirmando que “somos libres cando podemos ter unha vida autónoma”, facendo alusión a vicepresidenta Carmen Calvo.

Tamén participou o secretario provincial dos socialistas ourensáns, Rafael Rodríguez Villarino, que apuntou que “ si o Partido Socialista ten razón de ser é pola igualdade” que nace desde o propio inicio do socialismo e que permite que sexamos autónomos. Villarino puxo en valor as iniciativas levadas a cabo polo goberno progresista de Pedro Sánchez en prol da igualdade, “desde xuño de 2018 conseguimos reducir case 2 puntos a brecha de xénero nas pensións, aínda que a pensión media que reciben as mulleres aínda segue sendo un 35% inferior á dos homes”.

O Grupo Parlamentario Socialista rexistrou unha Lei de igualdade laboral que non puido aprobarse na pasada Lexislatura pola disolución das Cortes e as convocatorias electorais. Con todo, o Goberno socialista rescatou as súas medidas máis importantes e aprobou fai un ano un Real Decreto Lei coas medidas máis necesarias para garantir a igualdade entre homes e mulleres no emprego, para atacar de xeito urxente os elementos discriminatorios no itinerario laboral das mulleres e, en definitiva, para garantir o cumprimento do principal valor da Constitución, que é a igualdade. Entre outras medidas, ampliáronse os permisos de paternidade para a súa progresiva equiparación cos de maternidade co obxectivo de avanzar en corresponsabilidade, estableceuse a obrigatoriedade dun rexistro de salarios para eliminar a brecha salarial, modificouse a lexislación para estender os plans de igualdade nas empresas e recuperouse a cotización á Seguridade Social das coidadoras de persoas con dependencia.

O acto finalizou coa lectura dun manifesto no que os socialistas ourensáns puxeron en valor que a igualdade efectiva pasa, necesariamente, pola independencia económica e por que as mulleres teñan a posibilidade de proxectarse no ámbito profesional. A igualdade no emprego é, xa que logo, un fin en si mesma, pero tamén é o instrumente clave: o pleno goce dos dereitos e liberdades por parte das mulleres só pode construírse a través da igualdade e a independencia económica.