Denuncias POLÍTICA PROVINCIAL

O voceiro do PSdeG en Maceda, ameazado por un familiar da líder de Espazo Común

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA “AMEAZAS E COACCIÓNS” CONTRA O SEU VOCEIRO EN MACEDA XABIER OVIEDO POR PARTE DO ENTORNO FAMILIAR DA VOCEIRA DE ESPAZO COMÚN NA VILA

Os socialistas consideran “inadmisible” que en pleno século XXI se “actúe con ameazas e coaccións” contra un rival político como aconteceu en Maceda por parte do entorno familiar de Ana María Rodríguez

O voceiro en Maceda, Xabier Oviedo, relata que “un familiar da voceira de Espazo Común cruzoume o coche na rúa e afirmou, que se volvía a ter queixa dela, iamos ter problemas el e eu”

Ourense, 6 de marzo de 2020.  O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia un episodio que consideran “inadmisible en democracia”, como o que lle aconteceu o voceiro socialista en Maceda, Xabier Oviedo, que recibiu a tarde do mércores, despois de que esa mesma mañá se celebrase un pleno no Concello, ameazas e coaccións por parte dunha persoa do entorno familiar da voceira e concelleira de Espazo Común na vila, Ana María Fernández.

O voceiro socialista na vila, Xabier Oviedo, amosábase “perplexo e preocupado” ante a situación que viviu o pasado mércores pola tarde cando se dispuña a cruzar un paso de peóns en Maceda, momento no que segundo conta “un vehículo frea e eu penso que é para deixarme pasar, pero cal é a miña sorpresa cando o condutor, familiar da voceira de Espazo Común, me cruza o coche, baixa a ventá, e me di que “a próxima vez que volva a ter queixas dela (en referencia á voceira de Espazo Común), imos a ter problemas ti e eu” e posteriormente márchase”. Uns feitos que segundo explica o socialista macedán “me deixaron perplexo nese momento”, xa que os considera “unha ameaza en toda regra” e afirma que “levo moitos anos como concelleiro e ata sendo alcalde, e nunca recibín, nin tiven constancia que outros concelleiros recibisen este tipo de ameazas”.

Dende o seno do PSdeG-PSOE “non dan creto” ante unha situación que consideran “inadmisible” en pleno século XXI e que “atenta contra os dereitos democráticos e a liberdade de expresión” do voceiro socialista en Maceda, Xabier Oviedo. Os socialistas ourensáns condenan os feitos e afirman que “tomarán as medidas legais que sexan necesarias” para evitar que unha situación de “ameazas e coaccións” volva repetirse “en Maceda ou en calquera outro punto da provincia de Ourense”.

A mesma mañá dos feitos, no Concello de Maceda celebrouse o pleno para a aprobación dos orzamentos en Maceda, no que tal e como conta Oviedo “houbo moitas discrepancias e reproches por uns orzamentos que consideramos negativos para Maceda, xa que aumentan a débeda do municipio” e tiveron como protagonistas o voceiro socialista e a voceira de Espazo Común, Ana María Rodríguez. Trala tensión do pleno e xa pola tarde, aconteceron os feitos que narra o voceiro do PSdeG-PSOE na vila macedá, cando a persoa o familiar desta concelleira de Espazo Común, que menciona Xabier Oviedo, o ameazou na rúa.