Denuncias POLÍTICA PROVINCIAL

O PSdeG de Ourense acusa a Feijóo de abandonar ós maiores contaxiados por coronavirus en Celanova

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ACUSA A ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO DE “ABANDONAR” ÓS MAIORES CONTAXIADOS POR CORONAVIRUS NUNHA RESIDENCIA DE CELANOVA

Os socialistas afirman que o presidente da Xunta desvía “de xeito doloso” as responsabilidades cara o Goberno do Estado, cando se trata dun asunto de competencia da propia Xunta

“Instamos ó presidente a que asuma sen dilacións as funcións de atención sanitaria e coidado de maiores que lle corresponden como administración competente nestas materias”, sinalan dende o PSdeG de Ourense

Ourense, 24 de marzo de 2020.  O PSdeG-PSOE de Ourense acusa a Alberto Núñez Feijóo de “abandonar” ós maiores contaxiados por coronavirus na residencia San Carlos de Celanova e afirman que o presidente da Xunta desvía “de xeito doloso”, as responsabilidades cara o Goberno do Estado, cando se trata dun asunto de competencia propia e directa da Xunta de Galicia que el preside.

Os socialistas instan ó presidente da Xunta “a que asuma, sen máis dilacións, as funcións de atención sanitaria e coidado de maiores que lle corresponden como administración competente nestas materias”, sinalan os socialistas ourensáns, que tamén apuntan que “é inadmisible que a máxima autoridade galega siga adiando unha toma de decisións tan urxente, e resulta inaceptable que utilice a deslealdade institucional como salvoconduto persoal cando a situación require, máis que nunca, da colaboración de todos”.

Un grave problema sociosanitario situouse sobre Celanova o pasado mércores 18 de marzo, cando persoal médico do Punto de Atención Continuado (PAC) da vila acudiu á residencia de maiores San Carlos, constatando que a infección respiratoria pola que foi reclamado axustábase ao patrón de síntomas da infección por coronavirus. Seguindo o protocolo derivaron á paciente a urxencias do CHUO, cuxo test resultou positivo e finou esa mesma madrugada.

En tales circunstancias, e coa negra experiencia do sucedido noutros asilos de España, debeuse practicar un protocolo de actuación urxente e eficaz. Pero nada diso tivo lugar. De feito, o xoves 19, sanitarios do PAC foron demandados dende a residencia San Carlos por outros dous posibles casos (aos que remitiron tamén a urxencias do CHUO), sen que existiran medidas de illamento para ningún maior, mentres que o persoal trataba de “adaptarse a la nueva situación”.

O certo é que a Xunta non prestou atención ao problema, e tivo que ser a insistencia do persoal médico do centro de saúde e do PAC de Celanova o que forzou unha toma de mostras de medicina preventiva no centro o venres día 20. A confirmación de 25 contaxios chegou aos sanitarios de Celanova o sábado 21, e foi comunicada  polo Facebook da residencia ás 10:25 horas do domingo 22. Todo un mundo.

Non houbo comunicado oficial do que acontecía nin á Subdelegación do Goberno nin ó Concello de Celanova. Foi o coñecemento informal e indirecto do asunto por parte do secretario provincial do PSdeG-PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, o que serviu para por en aviso a ambas instancias. A partires de aí, o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio Pérez Afonso, contactou, de inmediato, co Concello de Celanova, e enviou o luns á Unidade Militar de Emerxencias (UME), que desinfectou o lugar. Mentres, o alcalde, Antonio Puga Rodríguez, contrataba persoal e aportaba material de protección propio e provinte de doazóns, mentres se ía engadindo persoal voluntario para axudar en todo o que fixera falta.

Como ben sabe Feijóo, a competencia en saúde e servizos sociais é da Xunta de Galicia. Ao Estado correspóndelle, entre outras, a de seguridade, e actuou con rapidez e eficazmente a través dunha UME exemplar. Foi así pola implicación do Goberno do Estado, non pola da Xunta que omitiu, gravemente, o deber de comunicarllo.

É irresponsable que o presidente da Xunta esquive o seu deber, e inmoral que culpe a outros de elo. Cando hai vidas en xogo, e a posibilidade de estender o contaxio dunha enfermidade que pode ser letal para a veciñanza, a valoración de quen ocupa tan alto cargo institucional deixámoslla á cidadanía.

Desde o PSdeG-PSOE de Ourense transmitimos unha mensaxe de solidariedade, así como todo o noso apoio ao persoal, ás familias da residencia San Carlos, ao Concello de Celanova, ao persoal do centro de saúde e do PAC desta vila e á poboación dunha bisbarra que ten dereito a unha atención sanitaria e social de calidade, particularmente en situacións de crise e cando está en xogo a saúde, e ata a vida, de milleiros de persoas.

Saúdos.