Concello de Ourense GOBERNO ESTATAL

A rehabilitación do Museo Arqueolóxico de Ourense avanza imparable grazas ao “portentoso pulo” do Goberno central do PSOE

OS SOCIALISTAS DESTACAN O “PORTENTOSO PULO Á CULTURA” DO GOBERNO CENTRAL DO PSOE CO AVANCE NAS OBRAS DO MUSEO ARQUEOLÓXICO TRALA “DESFEITA DE PP E DO” DURANTE LUSTROS

“A coitelada á cultura ourensá foi inaudita con aquela ignominiosa decisión adoptada en 2002” polo PP que implicou o peche durante tres lustros seguido do “total desleixo de Feijóo, Baltar e agora DO”

“Tras lustros de obras paradas e proxectos perdidos no pozo do ostracismo, o gran complexo cultural de San Francisco, o Museo Arqueolóxico e a cultura ourensá en xeral comezan a ver a luz”

Ourense, 19 de xuño de 2020. Os socialistas de Ourense destacan o “portentoso pulo á cultura e ao patriminio” do Goberno central do PSOE ante os importantes avances nas obras do Museo Arqueolóxico (MUSARQ), tras permanecer pechado durante máis de tres lustros “por unha ignominiosa orde do Goberno central do PP”. “A coitelada á cultura ourensá foi inaudita con aquela decisión adoptada en 2002 polos conservadores”, denuncian, ata que o actual executivo progresista presidido por Pedro Sánchez “saíu ao rescate do museo máis importante da provincia e un dos máis importantes de Galicia” ante o “desleixo do PP durante tantos anos e os últimos ataques de Democracia Ourensana” desde a alcaldía.

As obras ─adxudicadas no mes de xuño de 2019 cun prazo de execución de dous anos e medio─ avanzan nas últimas semanas “a un excelente ritmo con actuacións en todo o recinto e están xa a ultimar excavacións e a supresión dos elementos alléos á edificiación histórica” do antigo pazo episcopal situado na Praza Maior da capital e que desde 1951 é sede deste museo fundado en 1895 que atesoura máis de 40.000 pezas. As obras de rehabilitación do antigo pazo construído no século XII, está a supor un investimento en cultura de 9,2 millóns en pleno corazón da capital e “un dos obxectivos deste proxecto é que retome o seu aspecto orixinal”, salientan.

“Coa axenda de traballo do goberno de Pedro Sánchez e do PSOE”, a cultura “volve estar no centro da axenda política ourensá”, afirman os socialistas antes de recordar que o plan do MUSARQ foi redactado tamén por un goberno socialista, o de Rodríguez Zapatero, e logo paralizado de novo polo goberno de Rajoy. “O caciquismo, o inmovilismo e o total desleixo de Baltar desde a Deputación, de Feijóo na Xunta e do bipartito PP-DO da cidade con Jácome á cabeza son unha pesada losa que afoga á cultura e ao patrimonio ourensá”, advirten antes de indicar que “tras lustros de obras paradas e proxectos dependentes perdidos no pozo do ostracismo, o gran complexo cultural de San Francisco, o Museo Arqueolóxico e a cultura ourensá en xeral comezan a ver a luz grazas ao impulso dun goberno socialista”.

O proxecto que a executar pretende “potenciar os valores arquitectónicos e arqueolóxicos do edificio existente, conseguindo a máxima claridade espacial para delimitar as catro áreas necesarias para o correcto funcionamento do museo”. Así mesmo “recuperaranse os espazos orixinais do pazo que se foron perdendo ao longo da historia, de tal forma que estes permitan contemplar a xénese da edificación ao deixar visibles os muros, ocos e portas que constituían o pazo orixinalmente”.

O futuro MUSARQ estruturarase en torno a un novo e gran acceso desde a rúa Bispo Carrascosa, o zaguán de Agustín de Eura, o novo patio cuberto, o zaguán renacentista e o salón románico. Ademais das novas zonas de exposición, dun salón de actos e das zonas de traballo, o patio-xardín actual conservarase como “lugar estancial público que, por unha banda, manterá carácter de xardín e, por outro, ofrecerá a oportunidade de celebrar reunións ao aire libre como prolongación da nova sala de temporais ou como espazo urbano con acceso directo desde a rúa Bailen”.

Tamén destaca unha nova cuberta lixeira no novo atrio definida como “unha lamina encartada de aluminio, planchas polo exterior e perfís extruidos polo interior, que se adapta á edificación histórica sen tocala, completando o corpo barroco ao oeste, o salón do trono e adega románica ao norte e o corpo renacentista ao leste”.