concellos Política municipal

O PSOE de Ourense descarta calquera pacto co PP

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DESCARTA TAXATIVAMENTE CALQUERA TIPO DE PACTO OU ACORDO DE GOBERNO CO PP EN NINGUNHA INSTITUCIÓN PÚBLICA DA PROVINCIA

Os socialistas convidan, unha vez máis, ao BNG do municipio ourensán de Castrelo de Miño a “sentarse nunha mesa para pechar o pacto de goberno que socialistas e nacionalistas negocian desde hai meses”

Cualifican as afirmacións ao respecto de pactos entre PSOE e PP como unha “extravagante falsidade enmarcada unicamente en fins electorais de campaña”

Ourense, 3 de xullo de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense descarta taxativamente pactos, acordos ou negociacións para a formación de gobernos co Partido Popular en ningunha institución da provincia. Así o manifestou hoxe o secretario de organización, Juan Carlos Francisco, quen cualifica calquera afirmación neste sentido como unha “extravagante falsidade enmarcada unicamente en fins electorais de campaña”. “O PSOE non gobernará co PP e, en todo caso, sempre impedirá que gobernen os conservadores”, insiste.

O número dous dos socialistas ourensáns nega a existencia dun pacto, acordo ou negociación por parte do Partido Socialista e convida, unha vez máis, ao Bloque Nacionalista Galego do municipio ourensán de Castrelo de Miño a “sentarse nunha mesa para pechar o pacto de goberno que socialistas e nacionalistas negocian desde hai meses”. “Hai moi bo entendemento entre o rexedor do BNG e a portavoz municipal do PSdeG-PSOE, Catalina González”, recorda polo que “anima aos nacionalistas a pechar canto antes este necesario goberno maioritario de progreso”.

“Continúan as negociacións que comezaron hai meses”, insisten os socialistas de Ourense antes de concluír recordando que o resultado das últimas eleccións municipais do ano pasado, onde BNG, PSOE e PP obtiveron cada un 3 edís, “deixou ben clara a vontade da veciñanza para a formación e consolidación dun goberno de coalición progresista, que é a mellor opción para o presente e o futuro de Castrelo”.