Denuncias Xunta

A Xunta oculta as razóns polas que atrasou durante anos un informe clave para licitar o AVE

OS SOCIALISTAS DENUNCIAN QUE A XUNTA OCULTA AS RAZÓNS POLAS QUE ATRASOU TRES ANOS UN INFORME PRECEPTIVO PARA LICITAR A VARIANTE DO AVE OURENSE

Nin os conselleiros de Infraestruturas e Cultura nin a exministra Pastor respoden ás cartas enviadas polo PSOE solicitando explicacións polo desproporcionado atraso destapado polo Tribunal de Cuentas

“O carrusel de recortes e atrancos do PP nas obras do AVE é a maior afronta á Galicia da última década”, insisten os socialistas antes de esixir “menos propaganda e mais desculpas polo dano causado”

Ourense, 13 de agosto de 2020. O PSdeG-PSOE denuncia que a Xunta de Galicia oculta as razóns polas que atrasou ata tres anos, un informe preceptivo para licitar o tramo da liña de alta velocidade (LAV) entre Taboadela e a capital ourensá —coñecido como variante de Ourense—, o último da LAV a Galicia. Os conselleiros de Infraestruturas e Cultura non responderon ás cartas remitidas polos socialistas o 12 de febreiro, hai xa medio ano, nas que se reclamaban explicacións polo atraso destapado polo Tribunal de Cuentas. O goberno galego tampouco ofreceu explicacións públicas sobre estes graves feitos.

Tampouco respostou á carta a exministra de Fomento, Ana Pastor, responsable máxima das obras durante as paralizacións detalladas. Desde o PSdeG-PSOE preguntan a Ethel Vázquez, Román Rodríguez e Pastor “que teñen que agochar” para non explicar “por que o PP atrancou as obras do AVE durante anos” mentres “regaban con mentiras a opinión pública vendendo fume”. “O carrusel de recortes e atrancos do PP nas obras do AVE é a maior afronta á Galicia e aos galegos da última década”, insisten antes de esixir “menos propaganda e mais desculpas polo importante dano causado”.

Extracto do informe do Tribunal de Cuentas

Cuentas detallou atrancos entre 2012 e 2018. No seu informe número 1.348 dixo que “los trabajos comenzaron en julio de 2011, por lo que debieron finalizar en julio del año siguiente, ya que el plazo inicial de ejecución ascendió a doce meses, si bien, dicho plazo se incrementó en cuarenta y seis meses debido a la aprobación de ocho ampliaciones” y “otros 33 meses por tres suspensiones”. Trala chegada do PP a Fomento en 2012, a obra foi paralizada en oito ocasións e suspendida tres veces, suspensión que non foi levantada ata novembro de 2018, catro meses despois da volta do PSOE ó Goberno central.

O órgano destacou que “en octubre de 2016 la ampliación nº 8, que incrementó el plazo en cuatro meses, fue debida a que se encontraba pendiente del informe de la Dirección General do Patrimonio Cultural, preceptivo para la aprobación del proyecto” e resalta que “para obtener la aprobación definitiva era necesario el informe favorable de la Consejería de Cultura de la Xunta, que en marzo de 2019 aún no estaba disponible”.

Desde o PSdeG insistirán en pedir explicacións polos “escuros intereses” da Xunta para “conxelar este informe durante anos”. Tamén se interesarán pola asunción de responsabilidades ante as irregulares relatadas no documento, xa que “os feitos descritos polo Tribunal de Cuentas, derivados destas decisións políticas do PP, provocaron importantes trastornos a Galicia”.

Aos socialistas parecenlles “graves” os feitos “descritos minuciosamente” polo órgano fiscalizador porque o último tramo da LAV desde Tabodela “é fundamental para mellorar a seguridade e a confortabilidade dos viaxeiros, xa que o corredor convencional que van usar provisionalmente os servicios AVE é vía única con radios de curva non admitidos pola normativa de alta velocidade”. Así mesmo, é unha obra clave para Ourense xa que permitirá liberar, para outros usos, o vello corredor ferroviario urbano que atravesa a terceira cidade de Galicia ata a zona industrial de San Cibrao.

Impulso á variante de Ourense

Desde a chegada do PSOE ao Goberno central, este tramo está recibir un importante pulo, logo de anos de parálise por parte do executivo do PP. O Adif publicou hai uns días no Boletín Oficial do Estado, os proxectos dos subtramos Taboadela-Rante; Rante-Seixalbo e conexión de Seixalbo a efectos de expropiacións. Son 9 quilómetros dos 16,9 totais do último tramo da LAV. Paralelamente, a entidade pública empresarial está a ultimar proxectos destes tramos que tiveron que ser encomendados a Ineco, trala entrada en concurso de acreedores dunha empresa adxudicataria.