Concello de Ourense INICIATIVAS

O “abandono” do patrimonio arbóreo de Ourense pon en risco á veciñanza

OS SOCIALISTAS DE OURENSE ESIXEN AO CONCELLO A “DEFENSA DO PATRIMONIO ARBÓREO” DA CIDADE E “MEDIDAS URXENTES” PARA GARANTIR A SEGURIDADE DA VECIÑANZA

Os socialistas denuncian que hai “moito traballo pendente de cara a conseguir un Ourense máis verde e máis sostible” tendo en conta que contamos co “contrato de mantemento de zonas verdes en precario”

O PSdeG-PSOE de Ourense demanda a defensa do patrimonio arbóreo da cidade ante o “abandono e desleixo” dende o anterior goberno do Partido Popular ao que agora se suma Democracia Orensana.

Ourense, 13 de agosto de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense demanda a defensa do patrimonio arbóreo da cidade ante o “abandono e desleixo” dende o anterior goberno do Partido Popular ao que agora se suma Democracia Orensana. Os socialistas presentaron ao pleno do Concello do vindeiro día 24 unha moción a este respecto dado que consideran de “vital importancia” a actualización do censo de especies arbóreas e centenarias da cidade e que se tomen “medidas urxentes” tanto dende o grupo de goberno como dende a concellería de medio ambiente para evitar situacións como a vivida esta mañá no Parque San Lázaro coa caída dunha destas árbores, e nas que se poña en “risco a saúde e a seguridade” da veciñanza.

Os socialistas denuncian que a aposta medioambiental nas cidades ten que ser “liderada polo entes municipais” e existe “moito traballo pendente de cara a conseguir un Ourense máis verde e máis sostible”, e mais se temos en conta que na actualidade contamos co “contrato de mantemento de zonas verdes en precario” (por fallos nos proceso de contratación anterior realizado neste mandato) e existe “carencia de persoal municipal para o coidado de parques e xardíns”.

Por outra banda, o grupo municipal socialista tamén demanda a “aposta medioambiental na cidade e que se fagan cumprir os ratios marcados por la Organización Mundial da Saúde” nos que se recomenda que haxa unha árbores por cada tres cidadáns para “garantir a rexeneración e o aumento da calidade do aire no casco urbán”. Actualmente e segundo os datos do censo da concellería de medio ambiente, a media ourensá sitúase nunha árbore cada 25 veciños -4.200 árbores e un total de 415.000 metros cadrados de superficie de zonas verdes. “Está claro que a insuficiencia de árbores é evidente, aínda tendo en conta tamén que o censo do que se dispón a nivel municipal non é real, porque só se teñen contabilizadas as árbores que teñen alcorque e non, por exemplo, as árbores que están situadas no entorno dos cauces fluviais”, apuntan dende o grupo socialista.

Nos últimos 5 anos de mandato do Partido Popular, este último da man de Democracia Ourensana ocorreron feitos que fan que a preocupación cidadá sobre a política medioambiental que se está a levar a cabo dende o Concello de Ourense vaia en aumento entre os que se atopan: Os denominados “arboricidios”, podas e talas salvaxes e indiscriminadas que se fixeron ou están previstas nalgunhas zonas importantes da cidade – a praza de San Marcial, a praza da Magdalena o Parque de O Couto ou o arce da Praza dos Suaves- fan que teñamos que poñer o foco no deber dos nosos gobernantes de preservar, manter e aumentar o patrimonio arbóreo e os espazos verdes de Ourense.

Entre os acordos que plantexan dende o PSdeG-PSOE están instar ao Goberno Municipal a que proceda a elaborar un censo do patrimonio arbóreo actualizado da cidade de Ourense e instar ao Goberno Municipal a que poña en marcha un plan de acción dende a Concellería de Medio Ambiente para preservar, manter e aumentar o patrimonio arbóreo de Ourense, garantindo que non se produzan máis talas indiscriminadas e salvaxes por toda a cidade.