Concello de Ourense POLÍTICA

Solicitamos aprazar o pleno do Concello de Ourense e medidas para os traballadores tras un positivo por COVID-19 na alcaldía

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ESIXE AO CONCELLO O APRAZAMENTO DO PLENO TRALO POSITIVO POR COVID-19 EN ALCALDÍA PARA GARANTIR A SAÚDE E A SEGURIDADE DOS TRABALLADORES

Os socialistas denuncian a “irresponsabilidade do alcalde e do grupo de goberno por non ter actuado antes e por non cumprir os protocolos de cuarentena xa que coñecían os feitos desde o pasado martes”

Desde o PSdeG-PSOE solicitan a realización de probas PCR aos traballadores e traballadoras da casa consistorial dado que o asesor e os seus contactos estreitos exercen a súas funcións en alcaldía

Ourense, 21 de agosto de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense esixe ao alcalde da terceira cidade de Galicia, Gonzalo Pérez Jácome, o aprazamento do pleno municipal que tiña previsto celebrarse o vindeiro luns 24 de agosto, logo de ter coñecido o positivo en COVID-19 dun asesor político que desenvolvía as súas funcións na área de alcaldía. Unha solicitude de aprazamento á que se suman tódolos grupos da oposición: PSOE, BNG e Ciudadanos. Os socialistas apelan á responsabilidade e á seguridade, e consideran imprescindible a suspensión da sesión para garantir as medidas sanitarias dos traballadores, traballadoras e edís do consistorio.

Dende o seo do grupo municipal socialista denuncian a “irresponsabilidade” do alcalde e do grupo de goberno por “non poñer en coñecemento do persoal do consistorio nin do resto de grupos políticos que forman parte da corporación este feito dende o primeiro momento”, xa que tiñan noticias dende o pasado martes, e así poder garantir a seguridade e cumplir coa “transparencia informativa e o protocolo sanitario” esixido pola Xunta de Galicia nestes casos. Dúas cousas que, desde o principio da pandemia ocasionada polo coronavirus, “parecen non importarlle ao alcalde, que foi o primeiro en saltarse o protocolo ao non gardar a coarentena que se lle esixe a tódolos cidadáns e pasearse ata hoxe mesmo polas rúas da cidade”, critican os socialistas.

Por estes feitos, o PSdeG-PSOE solicita ao grupo de goberno do Partido Popular e Democracia Ourensana que se lle facilite de “forma urxente” a realización dunha PCR aos traballadores e traballadoras da casa consistorial –información á cidadanía, prensa, protocolo, rexistro, oficialía maior e alcaldía– que tiveron un contacto directo co traballador, dado que continuou acudindo ao seu posto de traballo dentro da casa grande do Concello.

Así mesmo, os socialistas expresan o desexo de que o asesor político do grupo de goberno que se deu positivo na proba do COVID acade unha pronta recuperación.