Concello de Ourense POLÍTICA

Solicitamos ao Concello o “comunicado” remitido pola Xunta sobre o “protocolo” anunciado por Jácome

O PSDEG-PSOE SOLICITA POR REXISTRO QUE O ALCALDE E O GRUPO DE GOBERNO FAGAN PÚBLICO O COMUNICADO REMITIDO POLA XUNTA SOBRE O PROTOCOLO TRALO CASO POSITIVO DO ASESOR

Os socialistas consideran “un agravio” que a Xunta aplique un “protocolo diferente” para o Concello e que o alcalde non garanta a seguridade sanitaria que require o persoal da casa consistorial

Requiren que indiquen se ese mesmo “protocolo especial” tamén “se aplica” ao alcalde e as concelleiras e aos concelleiros do equipo de goberno que “estiveron en contacto co traballador contaxiado”

Ourense, 22 de agosto de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense solicita polo rexistro do Concello a copia do comunicado remitidos pola Xunta de Galicia ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, onde “se descarta o confinamento-cuarentena ou test PCR para os traballadores do Concello” esgrimindo que “non existiron contactos estreitos de máis de 15 minutos e menos de 2 metros de distancia” entre o asesor de alcaldía que deu positivo en coronavirus e o resto de persoal do edificio consistorial. Tal e como afirmou onte pola tarde o propio alcalde na súa conta persoal de Twitter (@gonzalojacome).

O grupo municipal socialista considera “un agravio e unha irresponsabilidade”, de ser certa esa información, de ámbalas dúas administración. Por parte da Xunta de Galicia que pide á cidadanía un esforzo para que se cumplan os protocolos de illamento nos casos de contacto ou sintomatoloxía ante os rebrotes. “Un protocolo que parece non ser aplicable no caso do alcalde e o grupo de goberno do Concello de Ourense”, denuncian. E por parte do grupo de goberno do Concello ao cal parece non importarlle a saúde dos seus traballadores e traballadoras negando a realización de test e tamén non aprazando a convocatoria do pleno do vindeiro luns. “Dúas cuestións que se deberían realizar pola coherencia, responsabilidade e seguridade sanitaria e social que require unha cuestión coma esta”, conclúen.

Así mesmo, os socialistas solicitan que dende o grupo de goberno de Partido Popular e Democracia Orensana “se faga público dito documento” e que indiquen se ese mesmo “protocolo especial” tamén “se aplica” ao alcalde, as concelleiras e aos concelleiros do equipo de goberno, ao grupo de asesores de alcaldía e ás persoas que visitaron a casa consistorial e que “estiveron en contacto co traballador contaxiado”.

Por outra banda, dende o seo do PSOE requiren que o alcalde informe respecto a se tanto él mesmo coma o resto dos traballadores e das traballadoras citadas anteriormente “se someteron ou está previsto que se sometan de xeito inmediato a probas PCR de detección da COVID-19”.