concellos Denuncias

Esixímoslle a Jácome consenso a hora de tomar decisións como mudar de día a feira

O PSDEG-PSOE ESÍXELLE A JÁCOME QUE SE SENTE CON FEIRANTES E COMERCIANTES “GRAVEMENTE PREXUDICADOS” ANTE A DECISIÓN “UNILATERAL” DO REXEDOR DE CAMBIAR A FEIRA AOS SÁBADOS

Os socialistas lémbranlle ao alcalde que cambiar de día a feira implica unha modificación da ordenanza reguladora da venda ambulante, polo que debe aprobarse no pleno do Concello de Ourense

Acusan ao alcalde de ir por “libre”, sen ter en conta a “opinión e experiencia” dos implicados na feira da cidade, antes de tomar decisións, nunha nova mostra de que “Ourense vai a deriva”

Ourense, 24 de novembro de 2021.  O PSdeG-PSOE de Ourense esíxelle ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que deixe de “vender fume” e se sente cos feirantes, comerciantes, praceiros e polbeiras para “consensuar” con eles os seus anuncios “grandilocuentes” de cambiar aos sábados os días de feira a partir do vindeiro 2022. Os socialistas lémbranlle ao rexedor que calquera cambio dos días de feira implica unha modificación da ordenanza municipal reguladora da venda ambulante, motivo polo que apuntan a que o alcalde “non pode tomar decisións unilaterais” neste aspecto.

Dende o Grupo Municipal Socialista consideran que a decisión de Jácome de mudar as feiras en Ourense, que ata o de agora se celebran os días 7, 17 e 26 de cada mes, aos sábados, amosa que o alcalde “vai por libre”. Os socialistas critican que estas decisións “unipersoais” do rexedor non fai máis que deixar en evidencia que “Ourense vai a deriva” e que a opinión e experiencia dos colectivos de feirantes, praceiros ou polbeiras “non contan para nada a hora de tomar decisións que afectan directamente a estas persoas”.

A concelleira do PSdeG-PSOE de Ourense responsable da área de comercio, Juana Ageitos, relata que xa mantivo conversas con praceiros e co presidente da asociación de feirantes e que estes lle trasladan o seu “malestar” pola decisión do alcalde. “Este anuncio de Jácome de mudar aos sábados as feiras suponlle graves prexuízos tanto persoais como económicos aos feirantes, comerciantes, praceiros ou polbeiras que forman parte da feira ourensá”, subliña a edil socialista, que tamén apunta que “os sábados, este colectivo xa participa noutras feiras por toda Galicia, polo que non vai ser posible que estean en dous sitios a vez”.

Ageitos esíxelle ao alcalde “altura de mira políticas” e que “se sente cos colectivos implicados para analizar polo miúdo esta toma de decisións” e apunta que de “non ser así, o único que estaría a amosar Jácome e que esta cidade e as súas xentes lle dan totalmente igual e que toma as decisións de costas aos problemas reais de comerciantes, feirantes e cidadáns de Ourense”. A concelleira socialista tamén lle lembra a Jácome que estes colectivos “pagan as súas taxas de ocupación”, motivo polo que lle pide que “se sente con eles para chegar a acordos antes de tomar decisións que prexudican a todos os implicados e implicadas”.

Os socialistas tamén lle lembran ao alcalde de Ourense que este tipo decisións “teñen que ser aprobadas en sesión plenaria, xa que calquera modificación da ordenanza municipal implica automaticamente o seu debate en sede plenaria” e xa adiantan que “non podemos apoiar nin consentir que se cambien os días de feira sen sentarse antes a debatelo cos implicados, sen valorar os puntos favorables e desfavorables e sen contar coa oposición, que é maioría no Concello de Ourense”.