BALTAR E OS SEUS SOCIOS IMPIDEN QUE A DEPUTACIÓN DE OURENSE CONDENE DISCURSOS NEGACIONISTAS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA
A iniciativa socialista instaba á institución a “combater e condenar” con rotundidade “calquera discurso negacionista e posicionamento político que negue a violencia de xénero”, xa que os e as socialistas consideran “fundamental” un “manifesto unanime
Marga Pérez insistiu en que “a violencia machista interpélanos” e as “administracións debemos combatela con todos os medios ao noso alcance”, antes de reclamar que “no ámbito das nosas competencias, desenvolvemos un papel fundamental
Ourense, 26 de novembro de 2021. Manuel Baltar e os seus socios –a tránsfuga Montse Lama e Democracia Ourensana– impediron hoxe, xusto tralo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller que se celebra o 25 de novembro de cada ano, que a Deputación Provincial de Ourense condene publicamente calquera discurso negacionista contra a violencia machista, ao tombar unha moción do PSdeG-PSOE que reclamaba expresamente esta proposta.
A iniciativa socialista instaba á institución a “combater e condenar” con rotundidade “calquera discurso negacionista e posicionamento político que negue a violencia de xénero”, xa que os e as socialistas consideran “fundamental” un “manifesto unanimemente contra calquera posicionamento político ou social que cuestione ou poña en dúbida minimamente estas violencias” porque “non podemos resignarnos a que algúns asuman como normal unha traxedia tan dolorosa”.
A deputada, Marga Pérez, insistiu en que “a violencia machista interpélanos” e as “administracións debemos combatela con todos os medios ao noso alcance”, antes de reclamar que “no ámbito das nosas competencias, desenvolvemos un papel fundamental na prevención, así como na información, asesoramento, protección e acompañamento”. A deputada insistiu en que “non podemos resignarnos” a que “se asuma como normalidade esta traxedia dolorosamente cotiá porque non é un destino escrito en pedra, senón o resultado dunhas relacións de poder desiguais que persisten como unha crise silenciosa”.

“Non podemos quedar de brazos cruzados” e “debemos asegurar, coas nosas accións, a liberdade, a seguridade e a independencia das mulleres”, insistiron os e as socialistas. “Sabemos que o camiño será longo, pero iso só fai máis urxente que apuremos o paso e que sigamos avanzando”, proclamou Pérez. “É unha mágoa que non sumemos”, aclarou Pérez na súa quenda de peche, quen recordou que o PSOE buscaba “unir as propostas de todos os grupos” pero “o PP preferiu botar en contra da iniciativa socialista.
A moción rexeitada polos conservadores tamén reclamaba aos gobernos provincial e estatal medidas, dentro das súas competencias, como “impulsar políticas públicas no ámbito dos servizos sociais, promoción da sanidade e igualdade, co obxectivo da abolición da prostitución” e todas as medidas incluídas na Lei Orgánica 1/2004 e no Pacto de Estado.
Igualmente instaba ao Goberno de España “actualizar e renovar” o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero co fin de “buscar o maior consenso político e social” para a “mellora da coordinación institucional co fin de garantir que os fondos do pacto se implementen da maneira máis óptima”, así como a “impulsar un marco normativo orientado á abolición da prostitución”.