Deputación de Ourense INICIATIVAS

Impulsamos declarar ben patrimonial a primeira cooperativa vitivinícola de Galicia

O PSDEG-PSOE IMPULSA A DECLARACIÓN DO EDIFICIO DA PRIMEIRA COOPERATIVA VITIVINÍCOLA DE GALICIA COMO PATRIMONIO INDUSTRIAL UBICADA EN LEIRO

Tamén piden a rehabilitación das históricas instalacións da cooperativa e un acordo de cooperación coa Facultade de Historia de Ourense para documentar e difundir a súa historia

“Queremos que este recoñecemento legal permita a súa posta en valor e protección, así como para a investigación, valorización e transmisión ás xeracións presentes e futuras”, destacan desde o PSOE

Leiro, 13 de abril de 2022. O PSdeG-PSOE impulsa a declaración das instalacións da primeira cooperativa vitivinícola de Galicia, localizada no concello ourensán de Leiro, como patrimonio industrial. Os e as socialistas queren que esta edificación inaugurada en 1952, pero que estende as súas orixes ata a pasada década dos anos trinta, teña os niveis de “protección, conservación e difusión” que garante a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.

“Queremos que este recoñecemento legal sirva para a súa posta en valor e protección, así como para a investigación, valorización e transmisión da súa historia ás xeracións presentes e futuras”, destacan desde o PSOE. A iniciativa que se debaterá no pleno da Deputación Provincial de abril, reclama á Xunta iniciar os trámites ou negociacións para declarar as instalacións como patrimonio industrial ao amparo da Lei 5/2016.

Igualmente insta á Deputación e ao Concello de Leiro a “impulsar un proxecto de rehabilitación integral do edificio e a súa contorna, cun uso parcial para actividades culturais e educativas durante todo o ano, excepto durante a vendima”. A moción tamén promove un proxecto de cooperación coa Facultade de Historia do Campus de Ourense para “documentar, entre os veciños e veciñas das parroquias implicadas na creación desta adega, a súa historia cotiá mediante fotografías, testemuñas ou obxectos que poidan ser expostos nunha sala da edificación”.

Desde a contorna da edificación, os deputados e deputadas do grupo provincial socialista acompañados do voceiro en Leiro, Manuel Rodríguez, e do secretario provincial de Migracións, Luis Gulín, defendeu hoxe que “a valorización de noso patrimonio, tamén do industrial, ten que servir como ferramenta de cohesión social e fundamento da identidade cultural do pobo galego”. A propia normativa autonómica recorda a importancia de “considerar como bens de interese estas obras industriais para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo”. Por iso cren “fundamental” sumar esta edificación ao “noso patrimonio senlleiro”, unha decisión que “deben asumir Xunta e Deputación conxuntamente”.

As primeiras noticias para crear unha cooperativa en Leiro, na comarca vitivinícola máis antiga de Galicia, atopámola na prensa do 23 de abril de 1935 concretamente no diario El Pueblo Gallego. Pero o primeiro paso dáse posteriormente, en decembro de 1934, cando o Concello de Leiro cede ao ‘Sindicato Comarcal Ribeiro do Avia’ un campo experimental agrícola co apoio, entre outros, do exvicepresidente da Deputación, José Torres Pintos.

“O mercado do viño era moi preocupante nos anos trinta do pasado século, xa que non se vendía, os prezos non cubrían os custes do cultivo e mesmo se estudou a posibilidade de arrincar as vides para plantar tabaco neses terreos”, explicou o vicevoceiro, Nacho Gómez, antes de recordar como en 1936 trataron de formalizar a cooperativa, cunha axuda económica da Junta Nacional del Paro destinada a súa construción.

“O golpe de estado de Francisco Franco e a posterior guerra, paralizaron o proxecto ata case dúas décadas despois”, recordan. No 1952, os viticultores das zonas situadas ás beiras do río Avia agrúpanse para por en marcha a cooperativa, construíndo en San Pedro a ‘Adega Cooperativa Sindical do Ribeiro do Avia’. A obra correu a cargo do enxeñeiro industrial de Logroño, Estanislao López Romero, sendo inaugurada en 1953. Logo, a Cooperativa Nosa Señora do Portal do Ribadavia acordou en 1968 a súa fusión coa Cooperativa de Leiro, sendo o primeiro presidente da entidade fusionada, Eulogio Gómez Franqueira.

“Actualmente o edificio, unha construción industrial singular, atópase sen uso, polo que consideramos importante o recoñecemento para a súa conservación”, aseverou o socialista, que tamén destacou a importancia da Feira do Viño impulsada polos cooperativistas e que está a punto de cumprir 60 anos de existencia. Pola súa banda, o voceiro en Leiro, Manuel Rodríguez, destacou tamén a «vital importancia» da cooperativa para toda a comarca e recordou que xa en 2019 o pleno do seu concello aprobou unha iniciativa socialista nestes mesmos termos, mais o alcalde «non fixo nada» para a súa materialización.

Na actualidade, Galicia conta con máis de medio millar de bens de patrimonio industrial (fábricas de cerámica, muíños, minas, fábricas de salazón ou conservas, etc.) mais aínda se está a traballar para rematar a súa catalogación, segundo a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Ademais, desde o PSdeG-PSOE ourensán defenden que esta actuación permitiría impulsar o “turismo industrial” nesta zona da provincia, un sector “actualmente está en alza” que “chegou tarde a Galicia”. “Sería unha proposta perfectamente combinable coas experiencias de enoturismo xa existentes na comarca, así como con outros plans gastronómicos, artísticos ou culturais”, conclúen.