Denuncias Deputación de Ourense

O PSdeG-PSOE di non a un novo reparto millonario a dedo de Baltar

O PSDEG-PSOE DE OURENSE VOTA EN CONTRA DUNHA NOVA MODIFICACIÓN ORZAMENTARIA IMPULSADA POR BALTAR PARA REPARTIR A DEDO DECENAS DE MILLÓNS

Nacho Gómez denunciou como a “autoproclamada institución máis transparente” entregou a documentación “unhas horas antes da comisión na que se ía votar este asunto”

Definiu a modificación como “caciquil” e “escandalosa” porque “reparte a dedo millóns de euros” entre “amigos e amigas do presidente”, obviando “calquera criterio lóxico”

Ourense, 29 de abril de 2022. O PSdeG-PSOE votou no pleno de abril da Deputación de Ourense en contra dunha nova modificación orzamentaria multimillonaria, neste caso por importe de 18 millóns de euros, impulsada polo goberno provincial. Nacho Gómez denunciou como a “autoproclamada institución máis transparente” entregou a documentación “unhas horas antes da comisión na que se ía votar este asunto” co fin de ocultar os datos á oposición, un “motivo dabondo para nin votala”, dixo o vicevoceiro socialista.

“Queren que lle aplaudamos por este documento infame?”, preguntou ironicamente ante unha proposta que definiu como “caciquil” e “escandalosa” porque “reparte a dedo millóns de euros” entre “amigos e amigas do presidente”, obviando “calquera criterio lóxico”.

Entre os exemplos de decisións “bochornosamente caciquís” desta modificación orzamentaria, Gómez destacou, entre outros, que recibe máis cartos o “gaiteiro da Catedral de Ourense” que concellos como Amoeiro ou Entrimo ou que “algunha asociación de dubidosa aportación para a provincia” recibe máis cartos que Vilardevós e Beade, gobernados polo PP. O vicevoceiro tamén destacou que “agarda” que os 8.000 euros distinados ao Concello de Maceda “non sexan” para pagar fotos con persoas refuxiadas procedentes de Ucraína, xa que outros municipios nin recibiron cartos nin fixeron propaganda con estas persoas.