ACADAMOS A UNANIMIDADE DE TODOS OS PARTIDOS DA DEPUTACIÓN DE OURENSE PARA DOTAR AO CHUO DUNHA UNIDADE DE ICTUS
Villarino insistiu en que “é de xustiza que Ourense teña esta unidade porque non somos menos que o resto de Galicia”, xa que “a provincia de Pontevedra conta cunha, A Coruña con dúas e en Lugo teñen un servizo de permanente
Ourense, 27 de xuño de 2022. O pleno de xuño da Deputación Provincial de Ourense tratou a creación dunha unidade de ictus no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, así como a reclamación ao Sergas dunha mellora do transporte sanitario urxente dos pacientes con sospeita de ictus, co fin de poidan acceder á futura unidade de ictus en menos dunha hora. A proposta socialista foi aprobada por unanimidade. “A diferencia entre contar ou non con esta unidade especializada pode ser vivir ou morrer”, destacou o voceiro, Rafa Villarino antes de denunciar unha “situación altamente preocupante” polo “risco que supón para saúde da nosa veciñanza”.
O deputado do PSdeG-PSOE insistiu en que “é de xustiza que Ourense teña esta unidade porque non somos menos que o resto de Galicia”, xa que “a provincia de Pontevedra conta cunha, A Coruña con dúas e en Lugo teñen un servizo de permanente cun neurólogo especializado as 24 horas”. Tamén lembrou que os especialistas “reclaman esta unidade constantemente, pero nin a Xunta nin o Sergas acordaron a súa posta en marcha”.
Así mesmo apuntou que os ictus “son unha das principais causas de mortalidade”, pero tamén “doutros problemas tamén graves”, xa que “non só provocan mortalidade, senón tamén morbilidade con importantes secuelas”. “Esta non é unha moción do Partido Socialista; é unha moción da provincia de Ourense”, remachou Villarino.