Casa do Pobo Executiva municipal de Ourense INCENDIOS

A Executiva Municipal de Ourense aborda a problemática dos incendios nun encontro con Paco Castañares

O encontro terá lugar este venres, 12 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa do Pobo, situada na rúa Ribeira de Canedo, 24-26, en Ourense

En Ourense, a 10 de xuño de 2026. A agrupación local do PSdeG-PSOE de Ourense continúa co seu ciclo de encontros “Conversas na Casa do Pobo”, unha iniciativa aberta á cidadanía para fomentar o debate e a reflexión sobre temas de actualidade social e política.

Nesta ocasión, o encontro xirará arredor da pregunta “Podemos evitar os grandes incendios forestais? Buscando respostas”, e contará coa participación de Paco Castañares, experto na materia. O acto terá lugar este venres 12 de xuño, ás 20:00 horas, na sede situada na rúa Ribeira de Canedo, 24-26.

Director xeral de Medio Ambiente na Xunta de Extremadura (entre 1989 e 1994) e actual presidente de AEEFOR (Asociación Extremeña de Empresas Forestais e do Medio Ambiente), hai anos que este reputado experto na loita contra incendios insiste na prevención forestal e o reforzo do mundo rural para evitar os grandes incendios de sexta xeración.

Dende a agrupación municipal destacan que esta iniciativa pretende “fomentar o diálogo, a reflexión colectiva e a busca de solucións ante problemas que preocupan á sociedade”, neste caso centrados na prevención dos incendios forestais, unha cuestión de especial relevancia en Ourense e Galicia.

A través deste formato participativo, o PSdeG-PSOE de Ourense busca achegar o debate político e social á veciñanza, promovendo un espazo aberto no que compartir coñecemento e propostas.