Concello de Ourense Economía

O grupo municipal socialista destaca, logo da Xunta de Portavoces, que Jácome recoñece, por fin, que o problema non era a falta de cartos

As socialistas veñen de solicitar toda a información sobre as facturas pendentes anunciadas polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, na Xunta de Voceiros

A boa noticia é que o rexedor por fin detectou o problema. A mala é que leva tres anos para facelo”, explica Natalia González Benéitez, voceira do PSdeG, e considera que a reunión convocada esta mañá supón o recoñecemento explícito dunha realidade que levan tres anos denunciando como oposición

En Ourense, a 11 de xuño de 2026. “A pregunta que nos facemos é: se hai cartos por que non se pagan as facturas? E a resposta non está nun departamento municipal, tal e como quere facer ver o alcalde. Ter diñeiro na conta non significa que se poida pagar calquera factura. Nunha administración pública hai que dispoñer do crédito axeitado, da contratación correcta, e da fiscalización e procedemento legal. Iso é precisamente o que garante que os cartos de todos e todas se gasten conforme á lei e iso é preccisamente o que leva facendo mal, ou incluso non facendo, o executivo local”, lamenta trala reunión mantida esta mañá a portavoz do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez.

Ante unha nova escusa por parte da Alcaldía, en primeiro lugar o grupo municipal socialista solicitou por rexistro toda a información sobre as facturas pendentes anunciadas por Jácome na Xunta de Portavoces. E consideran sorprendente que o rexedor convocase aos grupos da oposición para trasladar unha situación que afecta á xestión ordinaria do Concello sen facilitar información básica sobre o seu alcance real.

“Descoñecemos se estamos a falar de dez facturas ou de mil, de 50.000 euros ou de varios millóns. Non sabemos a que departamentos afectan, desde cando están pendentes nin cal é a situación concreta de cada unha delas. Precisamente por iso solicitamos toda a documentación necesaria para coñecer a dimensión real do problema”, sinala.

A solicitude de información inclúe a relación detallada das facturas afectadas, o seu importe, antigüidade, departamento responsable, partida orzamentaria á que se pretenden imputar, estado de tramitación administrativa, procedemento contractual que as ampara e informes emitidos polos servizos municipais respecto das mesmas.

Desde o PSOE lembran que levan tres anos advertindo de que o principal problema do Concello non era a falta de recursos económicos

“Despois de tres anos dicíndolle ao señor Jácome que o problema do Concello non era a falta de diñeiro, senón a súa forma de xestionar, non podemos máis que alegrarnos de que por fin recoñeza que existen facturas que non poden ser abonadas a pesar de existir liquidez suficiente. Levamos moito tempo explicando que o problema non estaba na conta bancaria do Concello. E hoxe é o propio alcalde quen semella darnos a razón”, subliña a tamén secretaria xeral do partido na cidade.

As socialistas inciden en que unha administración pública non paga facturas simplemente porque teña cartos na conta. “Nunha administración pública é necesario que os gastos estean correctamente tramitados, conten coa correspondente cobertura orzamentaria e superen os controis de fiscalización establecidos pola normativa. Iso é precisamente o que garante a legalidade e a correcta utilización dos recursos públicos”, puntualiza a voceira.

O grupo municipal socialista considera que, se como afirma o rexedor, as facturas están correctamente contratadas, conformadas e tramitadas, corresponde ao goberno municipal explicar con total transparencia cal é a causa concreta que impide o seu pagamento. “Os grupos da oposición non fomos convocados para coñecer datos, senón para escoitar unha explicación incompleta sobre unha situación da que non se facilitaron nin importes, nin departamentos afectados, nin número de facturas, nin a súa antigüidade”, destaca González.

Ademais, desde o PSOE tamén advirten da súa preocupación pola posibilidade de que esta situación estea empezando a afectar ao funcionamento ordinario da administración local. “Precisamente porque non temos información é polo que queremos coñecer de que facturas estamos falando. Porque non é o mesmo que exista un atraso nunha gran actuación ou nun gran contrato que descubrir que o problema afecta xa ao funcionamento diario do Concello. Unha administración funciona con provedores que cobran, con contratos que se tramitan e con facturas que se pagan”, afirman.

As socialistas critican, por outra banda, que o alcalde pretenda, unha vez máis, buscar escusas fóra do propio executivo local

“Levamos anos asistindo á mesma escena: cando algo sae ben, o mérito é do alcalde; cando algo sae mal, a responsabilidade sempre é doutro. Primeiro foi o Estado, despois a Xunta, logo a oposición, máis tarde as e os funcionarios e agora volvemos escoitar explicacións que apuntan fóra do propio executivo”, insisten lembrando que a política municipal non consiste en buscar culpables, senón en resolver problemas.

“Os gobernos están para asumir responsabilidades, non para repartilas. E o alcalde non foi elixido para explicar problemas, foi elixido para resolvelos. Se existe un bloqueo administrativo que impide pagar facturas, corresponde ao Goberno municipal identificar as causas, corrixilas e ofrecer solucións», defenden.

Por último, desde o PSOE subliñan que unha Xunta de Portavoces debe servir para facilitar información relevante aos grupos municipais e non para trasladar responsabilidades que corresponden exclusivamente ao executivo local.