A portavoz do grupo municipal do PSdeG, Natalia González, defendeu dúas iniciativas centradas en dar resposta ás demandas da veciñanza dos barrios afectados polas obras e en reforzar o papel da cidade como referente cultural e literario
En Ourense, a 3 de agosto de 2026. As socialistas edís do grupo municipal socialista conseguiron sacar adiante na sesión plenaria ordinaria do Concello de Ourense, de agosto de 2026, dúas novas iniciativas destinadas a mellorar a calidade de vida da cidadanía e avanzar nun modelo de urbe máis participativo, máis seguro e con maior ambición cultural.
As mocións, defendidas pola portavoz socialista, Natalia González, abordaron dúas cuestións estratéxicas para o presente e o futuro de Ourense: a adopción de medidas complementarias durante a execución da Variante Norte e a creación dun Plan Municipal de Promoción da Lectura e Apoio á Creación Literaria.
No primeiro dos debates, a voceira do PSdeG puxo en valor a importancia da Variante Norte como unha infraestrutura histórica para a cidade, impulsada polo Goberno de España, pero insistiu en que a execución dunha obra desta envergadura debe ir acompañada de solucións que atendan ás necesidades da veciñanza mentres duren os traballos.
A iniciativa -aprobada cos votos da oposición e a abstención de DO- recolle as propostas trasladadas polos veciños e veciñas de Quintela de Canedo, Eirasvedras, Tarascón e O Pino nas reunións mantidas con representantes do PSOE durante as últimas semanas, e entre ellas figuran: a habilitación dun itinerario peonil provisional e seguro para manter a conexión coa zona termal, a adopción de medidas de calmado do tráfico e reforzo da seguridade viaria na N-120, así como a apertura dun proceso participativo para definir os futuros usos da parcela que ocupará o antigo Centro de Interpretación de Parques Naturais.
«Unha gran infraestrutura non pode construírse dándolle as costas á veciñanza. É posible compatibilizar o avance das obras coa protección da mobilidade, da seguridade e da calidade de vida das persoas que viven nestes barrios, e iso é precisamente o que pretende esta iniciativa», destacou Natalia González durante a súa intervención.
A segunda moción aprobada -cos votos a favor de PP, BNG e a abstención de DO- aposta por converter a literatura nun eixo estratéxico da política cultural municipal. A proposta parte do extraordinario patrimonio literario de Ourense e da necesidade de desenvolver políticas públicas estables que fomenten a lectura, apoien ao sector do libro e acheguen a cultura a toda a cidadanía.
Entre as medidas incluídas figuran a elaboración dun Plan Municipal «Ourense, Cidade da Literatura», a creación dun programa estable de encontros literarios nos barrios, o reforzo do apoio ás librarías independentes, iniciativas de fomento da lectura entre a infancia e a mocidade, o estudo dun festival literario de carácter anual e a creación dun espazo municipal permanente dedicado ao patrimonio literario ourensán.
«Se presumimos de ser terra de grandes escritores e escritoras, tamén temos que actuar en consecuencia. A literatura forma parte da nosa identidade e merece unha política cultural continuada, que apoie aos creadores, ás librarías e ás bibliotecas e que faga da lectura unha ferramenta de participación, educación e cohesión social», sinalou a tamén secretaria xeral do PSOE na cidade.
Transporte metropolitano
No transcurso da sesión plenaria tamén intervíu a edil Alba Iglesias durante o debate arredor do transporte metropolitano, no que reiterou o compromiso histórico do PSOE coa implantación deste servizo para Ourense e a súa comarca.
A edil lamentou que a cidade continúe sendo a única das sete grandes urbes galegas que carece desta ferramenta de mobilidade sostible, unha situación que cualificou de discriminatoria para os máis de 150.000 veciños e veciñas da área metropolitana e que atribuíu á falta de vontade política da Xunta de Galicia e ao permanente enfrontamento institucional entre o Partido Popular e Democracia Orensana.
A socialista lamentou que o PP continúe adiando a posta en marcha deste servizo, condicionándoo á resolución do contrato do autobús urbano e á realización de novos estudos, sen asumir un compromiso claro de financiamento autonómico.
«Ourense leva máis dunha década escoitando promesas que nunca se cumpren. A mobilidade da nosa comarca non pode seguir sendo refén das escusas nin dos intereses partidistas. A Xunta ten competencias e recursos para liderar este proxecto e debe deixar de tratar a Ourense como a cincenta de Galicia», afirmou contundente.

