Executiva municipal de Ourense Política municipal

A agrupación local do PSdeG de Ourense lamenta a morte de Luis Díaz

En Ourense, a 6 de agosto de 2026.

A Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense expresa o seu profundo pesar polo falecemento de Luis Díaz Núñez, unha figura comprometida coa defensa dos valores do socialismo democrático e do sindicalismo de clase durante unha etapa decisiva da nosa historia recente.

Luis Díaz participou activamente na reorganización e consolidación do PSOE e da UGT en Ourense durante a Transición, contribuíndo desde o seu compromiso persoal ao fortalecemento das institucións democráticas e da representación dos traballadores e traballadoras.

A súa vocación de servizo público levouno a formar parte da Corporación municipal do Concello de Ourense nos gobernos presididos polo alcalde socialista Manuel Veiga Pombo, desempeñando esa responsabilidade con dedicación e lealdade aos principios que sempre defendeu.

A súa traxectoria sindical, estreitamente vinculada á UGT, e o seu compromiso coa democracia, a liberdade e os dereitos laborais forman parte da memoria colectiva do socialismo ourensán e do movemento obreiro da nosa cidade.

Desde a Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE queremos trasladar o noso máis sentido pésame á súa familia, ás súas amizades e a todas as persoas que compartiron con el o compromiso político e sindical ao longo da súa vida.

Descanse en paz.