Trátase dunha realidade que levan tres anos denunciando como oposición e exhortan á cidadanía a que vire o rumbo de Ourense dentro dun ano
En Ourense, a 6 de agosto de 2026. As edís socialistas do Concello de Ourense lamentan que a resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública, coñecida a través dos medios de comunicación, vaia supoñer un novo revés para a cidadanía nun asunto tan importante e esencial como o transporte urbano.” Unha vez máis, queda en evidencia que a falta de planificación e de rigor na xestión acaba tendo consecuencias directas para a veciñanza”, destaca a concelleira Maria Fernández Ojea.
Desde o grupo do PsdeG recordan que levan tres anos advertindo de que todo o relacionado cos procesos de adquisición de novos vehículos e adxudicación da licitación non se estaba desenvolvendo cun criterio lóxico nin pensando nas necesidades reais da terceira urbe de Galicia no século XXI. “Dixémolo coa compra dos novos autobuses, co deseño das novas liñas e tamén coa adxudicación da concesión. Hoxe, por desgraza, os feitos volven demostrar que as nosas advertencias estaban plenamente xustificadas. Preferiríamos falar dur servizo moderno e de novas propostas para o mesmo, pero continuamos varados no pasado”, afirma a socialista.
Lamentan que esta resolución conleve que a cidade continuará cun servizo de transporte público en precario, sen as melloras que leva anos precisando e sinalan que un servizo esencial non pode estar permanentemente condicionado pola falta de capacidade para planificar e xestionar con solvencia.
“Desde o Partido Socialista seguiremos defendendo un modelo de transporte público moderno, eficiente, accesible e adaptado ás necesidades reais da cidade. Un modelo que se planifique con criterios técnicos, con diálogo e co interese xeral por diante, e non a base de improvisacións que rematan sendo corrixidas polos tribunais”, insiste.
E recordan que, dentro dun ano, a cidadanía terá a oportunidade de decidir se quere que Ourense continúe por este camiño ou abrir unha nova etapa. Co seu voto poderá apostar por unha forma distinta de gobernar: con planificación, responsabilidade e unha xestión á altura. “Desde o grupo municipal do PSdeG levamos anos facendo propostas en positivo fronte aos erros deste proceso porque cremos que Ourense pode e debe ter un transporte público mellor e un goberno que saiba facelo posible”, remata contundente a edil.

