Concello de Ourense termalismo urbanismo

Esiximos explicacións ao Goberno municipal polo derribo da antiga Casa de Baños

Natalia González Benéitez reclama información sobre as actuacións realizadas no inmoble e lembra que o pleno aprobou en xuño unha moción socialista para impulsar a súa rehabilitación e recuperación

En Ourense, a 11 de agosto de 2026. O grupo municipal do PSdeG de Ourense esixe ao Goberno local información sobre as actuacións realizadas na antiga Casa de Baños e, en particular, sobre o derribo do inmoble que se está a levar a cabo estes días. Concretamente, a portavoz socialista, Natalia González, considera “absolutamente necesario” que o executivo de Gonzalo Pérez Jácome explique á cidadanía cales son as actuacións que se están executando, con que autorizacións e informes técnicos, cal é o alcance do derribo e que proxecto ten previsto o Concello para este espazo histórico da cidade.

“Non debemos aceptar que se actúe sobre un edificio tan relevante para a historia e o patrimonio termal de Ourense sen dar explicacións. Precisamos non só saber que se está a facer, senón por que se está a facer así e, sobre todo, que pensa facer o Concello a partir de agora”, sinala.

A voceira e secretaria xeral do PSOE na cidade lembra que o grupo municipal xa rexistrou unha solicitude de información por escrito na que reclamaba información urxente sobre as actuacións que se estaban a acometer na antiga Casa de Baños, así como sobre as actuacións posteriores previstas.

A última petición produciuse xusto despois do grave incendio rexistrado na madrugada do 15 de maio de 2026, un suceso que, segundo advertiron daquela as socialistas, puxo de manifesto o estado de abandono e deterioro no que se atopaba un dos elementos máis representativos do patrimonio termal de Ourense. O PSdeG reclamou entón a elaboración dun plan específico para a súa protección, recuperación e posta en valor.

“Levamos anos reclamando actuacións na Casa de Baños e advertindo de que o abandono e a falta de planificación podían conducir a unha perda irreversible deste edificio. Agora atopámonos con que o Concello procede ao derribo e seguimos sen coñecer cal é o seu plan. Non se pode gobernar unha cidade deste xeito, improvisando e dando a veciñanza a información a posteriori”, lamenta.

Precisamente, no pleno ordinario do pasado mes de xuño, o grupo do PSdeG levou unha moción, que resultou aprobada, para impulsar a rehabilitación, recuperación e posta en valor da antiga Casa de Baños, así como para elaborar o mencionado plan específico de protección e recuperación do patrimonio termal de Ourense.

A moción promovía, entre outras cuestións, que o Goberno municipal concorrese ás convocatorias de axudas dispoñibles para a rehabilitación do patrimonio histórico e turístico e que se puxese en valor a historia do inmoble como parte fundamental da identidade da urbe.

O grupo municipal socialista reclama, polo tanto, ao Goberno de Jácome que facilite toda a documentación relativa ás actuacións xa efectuadas, os informes técnicos que as sustentan, as autorizacións correspondentes e o proxecto previsto para o futuro da parcela, así como que dea cumprimento ao acordo aprobado polo pleno municipal.