Natalia González reclama á Dirección Xeral de Patrimonio unha inspección urxente e que adopte todas as medidas necesarias para impedir novos danos sobre un BIC
En Ourense, a 14 de agosto de 2026. O grupo municipal socialista de Ourense esixe a paralización inmediata das actuacións que se están executando na Casa de Baños de As Burgas e reclama á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que actúe con carácter de urxencia para garantir a protección deste elemento integrante do conxunto declarado Ben de Interese Cultural (BIC).
A voceira socialista, Natalia González, rexistrou hoxe dous escritos ante as administracións competentes. Por unha banda, dirixiuse á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia para solicitar unha inspección presencial e urxente do inmoble, a comprobación das autorizacións patrimoniais existentes e a adopción das medidas de suspensión que procedan para evitar novos danos.
“Non podemos esperar a que remate a demolición para saber se era legal. Estamos falando dun elemento integrante dun BIC e cada actuación irreversible que se execute sen as debidas garantías supón unha perda patrimonial que quizais xa non se poida reparar”, sinala a portavoz.
Ademais, o PSOE pide á Xunta que comprobe inmediatamente se o Concello de Ourense dispón das autorizacións necesarias para as actuacións realizadas e, no caso de que non conten coa preceptiva autorización patrimonial, ordene a súa suspensión inmediata, ademais de adoptar as medidas necesarias para a protección e conservación dos elementos que aínda se poidan preservar. “Queremos saber que autorizou o Concello e quen asumiu esa decisión”, advirte a tamén secretaria xeral do partido na cidade.
Ao mesmo tempo, o grupo municipal do PSdeG solicitou ao Concello de Ourense a convocatoria extraordinaria e urxente dunha Xunta de Portavoces, así como a comparecencia do edil responsable de Urbanismo e Patrimonio, Francisco Lorenzo, para que dea explicacións sobre as actuacións realizadas na Casa de Baños.
Sinalan as socialistas que é fundamental coñecer “que se está facendo, quen o autorizou, con que informes técnicos e xurídicos, que autorizacións patrimoniais existen e que comunicacións mantivo o Concello coa Xunta de Galicia”.
O PSOE pide protexer tamén os elementos históricos da Casa de Baños
O Grupo Municipal Socialista reclama igualmente que se identifiquen, documenten e custodien todos os elementos orixinais ou de interese patrimonial que foron retirados ou desmontados durante as actuacións, especialmente as antigas bañeiras e outros elementos vinculados ao uso termal histórico da Casa de Baños.


A socialista considera que o Executivo de Gonzalo Pèrez Jácome debe abandonar o “silencio” e ofrecer toda a información aos grupos municipais e á cidadanía.
“A Casa de Baños non é un edificio calquera. Forma parte do patrimonio histórico de Ourense e, por tanto, o Goberno municipal ten unha responsabilidade directa na súa conservación. O que estamos pedindo é moi sinxelo: legalidade, transparencia e protección do patrimonio”, conclúe Natalia González.
O grupo municipal socialista anuncia que seguirá todas as vías administrativas e legais necesarias para garantir a protección da Casa de Baños e para determinar se as actuacións executadas contan con todas as autorizacións esixibles, así como para depurar as responsabilidades que puidesen corresponder no caso de detectarse incumprimentos.

