O grupo parlamentario do PSdeG reclama unha avaliación integral do edificio, a conservación dos elementos patrimoniais que permanecen e recursos autonómicos para impulsar a súa rehabilitación
En Ourense, a 19 de agosto de 2026. A deputada do PSdeG no Parlamento pola provincia de Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, levará unha iniciativa para reclamar á Xunta de Galicia explicacións sobre as actuacións realizadas para protexer a Casa de Baños das Burgas tralo incendio sufrido o pasado 15 de maio e a posterior demolición parcial do inmoble.
A socialista esixirá ao Goberno galego que dea conta das actuacións de inspección, protección e tutela patrimonial desenvolvidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e que aclare se as obras de demolición realizadas polo Concello de Ourense contaban coas autorizacións necesarias, así como que informes técnicos coñecía a Xunta sobre o estado do edificio e que alternativas á demolición foron valoradas.
“Non podemos permitir que o incendio e agora a demolición parcial se convertan na sentenza definitiva da Casa de Baños. O goberno autonómico ten a responsabilidade de protexer o noso patrimonio e debe explicar que fixo, que medidas adoptou e, sobre todo, que vai facer a partir de agora para recuperar este elemento fundamental da historia termal de Ourense”, sinala Rodríguez Dacosta.
A iniciativa socialista lembra que o inmoble forma parte dun conxunto declarado Ben de Interese Cultural e constitúe unha peza singular do patrimonio histórico e arquitectónico da cidade, estreitamente vinculada á súa identidade termal e á arquitectura de Daniel Vázquez-Gulías.
E lembra que o grupo municipal socialista xa reclamou na Administración local, tralo incendio, a posta en marcha dun plan urxente de rehabilitación e recuperación do edificio, así como a mobilización dos recursos económicos necesarios para garantir a súa conservación. Esta iniciativa foi aprobada polo Pleno no mes de xuño.
“Desde o primeiro momento defendemos que había que protexer, consolidar e recuperar a Casa de Baños na medida en que fose técnica e patrimonialmente posible. O que non podemos aceptar é que, mentres as administracións cruzan responsabilidades, Ourense siga perdendo patrimonio”, destaca a deputada do PSdeG.
Por este motivo, reclamará ao Goberno de Alfonso Rueda unha avaliación técnica e patrimonial integral que determine o estado actual do inmoble, identifique os elementos que permanecen e aqueles que foron retirados ou desmontados e garanta a súa documentación, conservación e custodia.
Ao mesmo tempo, as socialistas pedirán ao Executivo galego que adopte todas as medidas necesarias para evitar novas perdas patrimoniais e que impulse, en colaboración co Concello de Ourense, un verdadeiro plan de recuperación da Casa de Baños que contemple a conservación dos elementos recuperables, a rehabilitación ou reconstrución patrimonial do inmoble e a súa posta en valor.
A proposta inclúe tamén a petición de que a Xunta habilite recursos económicos para contribuír á execución deste plan e colabore na captación de fondos autonómicos, estatais e europeos destinados á recuperación do edificio.
Finalmente, Carmen Rodríguez Dacosta reclamará que o Goberno galego presente ante o Parlamento, nun prazo máximo dun mes, un informe detallado sobre a súa actuación desde o incendio, os informes técnicos existentes, as autorizacións e requirimentos realizados, o estado actual do patrimonio afectado e as medidas e recursos previstos para a protección e recuperación da Casa de Baños.
“Esta non pode ser unha batalla entre administracións para ver quen ten a culpa. A prioridade debe ser salvar o que queda e poñer todos os medios para recuperar a Casa de Baños”, conclúe a deputada do PSdeG.

