As socialistas reclaman a renovación “integral” das bases das axudas de Libros e Comedor para dar resposta ás familias
Natalia González considera “inaceptable” que centos de familias queden fóra das axudas municipais e reclama convocar o Consello Municipal de Servizos Sociais
En Ourense, a 26 de agosto de 2026.
O Grupo Municipal Socialista reclama ao Goberno municipal que non abandone as familias que, cumprindo os requisitos establecidos polo propio Concello, quedan finalmente sen recibir as axudas municipais para libros, material escolar ou comedor, e que adopte as medidas necesarias para poder atender esta demanda. Ademais resulta especialmente preocupante que existan familias que, cumprindo os criterios establecidos, non poidan acceder finalmente ao apoio por falta de cobertura suficiente.
“Non queremos poñer un parche cada ano. Queremos sentarnos, analizar a realidade das familias ourensás e deseñar unhas bases novas, máis xustas, máis eficaces e capaces de chegar a quen realmente necesita este apoio”, sinala González.
Segundo os datos publicados, máis do 78% das solicitudes das axudas para libros e material escolar quedan fóra da convocatoria: fronte ás máis de 700 solicitudes presentadas, só 152 familias resultaron beneficiarias, cunha dotación municipal de 25.000 euros.
No caso das axudas de comedor, a situación tamén evidencia a insuficiencia do actual modelo: 415 solicitudes foron admitidas, 77 quedaron en lista de espera e 550 foron rexeitadas.
As socialistas consideran que o problema non pode abordarse únicamente convocatoria tras convocatoria, senón que é necesario revisar de maneira integral unhas bases que están obsoletas e que xa non responden á realidade social e económica de Ourense.
Por iso, o Grupo Municipal Socialista reclama a convocatoria do Consello Municipal de Servizos Sociais para iniciar, coa participación dos profesionais, entidades e representantes que forman parte deste órgano, a elaboración dunhas novas bases das axudas de libros, material escolar e comedor propias dunha cidade como a nosa.
As socialistas sinalan que a revisión debería abordar cuestións como os limiares económicos, os criterios de acceso, as contías das axudas, os cursos educativos incluídos e a propia dotación orzamentaria, garantindo que exista unha resposta suficiente ante a demanda das familias.
Lembramos que esta é unha reivindicación histórica do Grupo Municipal Socialista, que leva anos reclamando a modificación das bases, o incremento das partidas e unha maior cobertura das axudas de libros e comedor. Os socialistas xa advertiron en anteriores convocatorias de que había familias que, a pesar de cumprir os requisitos económicos, quedaban sen recibir as bolsas.
“Levamos anos advertindo de que estas bases precisan unha revisión. Hoxe os datos volven demostrar que tiñamos razón. Pero non queremos quedarnos na crítica: queremos ofrecer unha solución”, subliña Natalia González.
“Non podemos aceptar que cumprir os requisitos non sexa suficiente para recibir unha axuda que unha familia necesita. E tampouco podemos seguir aplicando unhas bases deseñadas para outra realidade social. Ourense necesita unhas novas bases, máis recursos e unha política municipal de apoio ás familias á altura das necesidades da nosa cidade”, conclúe González.

