concellos Executiva Provincial de Ourense INICIATIVAS

Celebramos o avance para a reapertura do balneario de Berán

O PSDEG-PSOE DE OURENSE CELEBRA O AVANCE PARA A REAPERTURA DO BALNEARIO DE BERÁN E REIVINDICA UNHA RECUPERACIÓN QUE AS E OS SOCIALISTAS LEVAN DÉCADAS RECLAMANDO

Reivindican que a recuperación e posta en funcionamento deste recurso termal constitúe unha oportunidade “estratéxica” non só para Berán e o concello de Leiro, senón para o conxunto da comarca do Ribeiro e para a provincia de Ourense

Álvaro Vila destaca que destaca ademais que o termalismo “é unha das grandes fortalezas da provincia de Ourense” e considera que a recuperación de Berán debe integrarse nunha visión global que permita aproveitar o potencial termal, turístico, patrimonial e gastronómico do Ribeiro

Pedro José González considera que a reapertura “representa un impulso fundamental para o desenvolvemento económico, turístico e demográfico de Berán, de todo o Concello de Leiro e do conxunto da comarca”

Berán, 28 de agosto de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense celebra o avance producido en relación co balneario de Berán, despois de máis de dúas décadas de espera. As e os socialistas reivindican que a recuperación e posta en funcionamento deste recurso termal constitúe unha oportunidade “estratéxica” non só para Berán e o concello de Leiro, senón para o conxunto da comarca do Ribeiro e para a provincia de Ourense.

As e os socialistas lembran que a defensa do balneario de Berán é unha reivindicación “histórica” do PSdeG-PSOE, que ao longo dos últimos anos reclamou de maneira reiterada ás distintas administracións a posta en valor dun equipamento “chamado a desempeñar un papel fundamental no desenvolvemento económico e turístico da contorna”.

Álvaro Vila: “Berán ten que deixar de ser un símbolo de abandono para converterse nun motor de futuro”

O voceiro provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, salienta que as e os socialistas “levamos anos reclamando que o balneario de Berán deixe de ser unha oportunidade perdida e se converta no recurso de futuro que pode e debe ser para toda a comarca”.

“Estamos falando dun equipamento cun enorme valor patrimonial, termal, turístico e económico, pero tamén dun proxecto con capacidade para xerar actividade, emprego e oportunidades nun territorio que precisa de investimentos e de proxectos que contribúan a fixar poboación”, sinala. Vila considera que a situación actual debe permitir “pasar definitivamente das promesas aos feitos” e aposta por que “a apertura do balneario sexa só o primeiro paso dun proxecto ambicioso para dinamizar Berán, Leiro e o Ribeiro”.

“O PSdeG-PSOE vai seguir sendo esixente para que os recursos públicos investidos durante todos estes anos teñan o retorno que merecen os veciños e veciñas. Berán non pode permitirse máis anos de espera nin máis oportunidades perdidas”, engade. O voceiro provincial destaca ademais que o termalismo “é unha das grandes fortalezas da provincia de Ourense” e considera que a recuperación de Berán debe integrarse nunha visión global que permita aproveitar o potencial termal, turístico, patrimonial e gastronómico do Ribeiro.

O PSOE de Leiro avala a adxudicación: “Berán e Leiro non poden agardar máis”

Desde o Grupo Municipal Socialista de Leiro, o voceiro adxunto, Pedro José González, defendeu no Pleno municipal o voto favorable do PSOE á ratificación da adxudicación do balneario de Berán, antepoñendo os intereses veciñais a calquera tacticismo político.

González destacou que o complexo termal constitúe “un ben e un recurso estratéxico de indiscutible titularidade e arraigo da Entidade Local Menor”, e subliñou que as súas augas e instalacións forman parte do patrimonio vivo dos veciños e veciñas de Berán. O socialista considera que a reapertura “representa un impulso fundamental para o desenvolvemento económico, turístico e demográfico de Berán, de todo o Concello de Leiro e do conxunto da comarca”.

Ao mesmo tempo, o PSdeG-PSOE de Leiro deixa claro que o apoio á apertura debe ir acompañado do máximo rigor e cumprimento da legalidade, lembrando que corresponde á Entidade Local Menor de Berán e á súa Secretaría-Intervención exercer as competencias de tutela e garantir que todo o proceso se desenvolva conforme á normativa vixente.

Pola súa banda, o vocal socialista na Entidade Local Menor de Berán, Tomás Lorenzo Fariña, puxo o foco nas condicións concretas do contrato e na necesidade de que o balneario sexa moito máis que unha fonte de ingresos para a entidade. “O balneario non é un mero ingreso directo para as arcas; ten que ser o auténtico motor e o corazón de todas as dinámicas de desenvolvemento da nosa contorna”, afirmou.

Un recurso que debe irradiar riqueza a toda a comarca

O PSdeG-PSOE considera que o verdadeiro éxito da reapertura do balneario de Berán “non debe medirse unicamente pola apertura das súas portas, senón pola súa capacidade para xerar actividade económica arredor del, atraer visitantes, favorecer o comercio e a hostalaría local e reforzar a oferta turística do Ribeiro”. As e os socialistas apostan por aproveitar as sinerxías entre o balneario e o patrimonio, a gastronomía, o viño e os recursos naturais da comarca, de maneira que Berán se converta nun punto de referencia dentro da oferta turística termal da provincia.

Desde a agrupación socialista de Berán inciden igualmente na importancia de que este proceso sirva para recuperar un espazo profundamente ligado á identidade da localidade e que leva demasiados anos á espera dunha solución definitiva.

O PSdeG-PSOE de Ourense reafirma así o seu compromiso cunha reivindicación histórica do socialismo ourensán e avisa de que continuará facendo seguimento do proceso para garantir que a esperada reapertura se traduza nun proxecto sólido, viable e beneficioso para a veciñanza. “Despois de tantos anos, o importante é que Berán teña futuro. E ese futuro ten que pasar polo seu balneario, por Leiro e por todo o Ribeiro”, conclúe Álvaro Vila.