O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS RECLAMA UN PROTOCOLO MUNICIPAL PARA GARANTIR A PARTICIPACIÓN DE TODA A CORPORACIÓN NOS ACTOS INSTITUCIONAIS
Consideran que a imaxe institucional dun concello “debe estar baseada nos principios de transparencia, equilibrio, pluralidade e cortesía institucional, evitando situacións de improvisación ou decisións que poidan excluír aos representantes municipais elixidos pola veciñanza”
A voceira socialista, Victoria Morenza, afirma que “a representación institucional de Barbadás debe ser plural e respectar os resultados electorais, non estar ao servizo dos intereses dun determinado grupo político”
Barbadás, 31 de agosto de 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás levará ao pleno municipal do vindeiro luns 7 de setembro unha moción na que reclama a modificación do Regulamento Orgánico Municipal (ROM) para introducir un protocolo municipal que regule os actos e visitas institucionais e garanta a representación plural de toda a corporación.
As concelleiras socialistas consideran que a imaxe institucional dun concello “debe estar baseada nos principios de transparencia, equilibrio, pluralidade e cortesía institucional, evitando situacións de improvisación ou decisións que poidan excluír aos representantes municipais elixidos pola veciñanza”. A proposta presentada polo grupo municipal socialista pretende incorporar ao ROM unhas normas básicas que establezan claramente como debe procederse nos actos públicos, institucionais, inauguracións, recepcións e visitas oficiais.
A voceira socialista, Victoria Morenza Doforno, sinala que “non estamos pedindo ningún privilexio para a oposición, senón algo tan básico como respecto institucional e respecto polos resultados electorais”. Ao seu xuízo, “cando se celebra un acto oficial ou se produce unha visita institucional relacionada con obras ou actuacións financiadas con fondos públicos, toda a corporación debe ter a posibilidade de coñecelo e de participar, independentemente de quen estea no goberno municipal”.
Unha axenda institucional que a oposición “non coñece”
O PSdeG-PSOE denuncia que o actual Regulamento Orgánico Municipal de Barbadás carece dun protocolo que regule estas situacións e que, na práctica, existe unha axenda institucional á que os membros da corporación non teñen acceso habitual. A moción defende que os representantes municipais teñen dereito a coñecer os actos oficiais que se desenvolvan no termo municipal e a ser informados e convocados ás visitas institucionais.
“Un concello non pode funcionar con normas non escritas que se aplican segundo o interese do momento”, afirma Morenza. “Precisamente porque queremos evitar interpretacións, exclusións e decisións arbitrarias, propoñemos que exista un protocolo aprobado e incorporado ao ROM que estableza unhas regras claras para todos” apunta a voceira socialista.
A proposta do PSdeG-PSOE de Barbadás establece tamén que as visitas de representantes doutras administracións para coñecer obras ou actuacións financiadas con fondos públicos deben contar coa invitación a todos os membros da Corporación, como exercicio de cortesía institucional, pluralidade democrática e transparencia.
As socialistas poñen dous exemplos recentes
Para demostrar o que consideran unha práctica habitual, o grupo municipal socialista pon como exemplo na súa moción dúas visitas institucionais celebradas durante os últimos meses.
O 20 de xullo, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitou a exposición permanente sobre a figura de Carmen Martín Gaite e a súa vinculación con Barbadás, instalada no local social de Piñor e financiada con fondos públicos. Segundo a moción, ademais dos integrantes do goberno municipal, participaron na visita a voceira do PP, Consuelo Vispo, e o concelleiro popular Ramón Lloves.
Posteriormente, o 18 de agosto, tivo lugar unha visita institucional para coñecer o estado das obras de ampliación do polideportivo, coa presenza do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo; da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e do delegado da Xunta, Manuel Pardo. Tamén estiveron presentes os concelleiros do PP Roberto Fernández e Ramón Lloves.
“Estamos falando dun concello cunha corporación formada por 17 representantes, que representan a diferentes sensibilidades políticas da veciñanza de Barbadás”, subliña Victoria Morenza. “A imaxe institucional do concello non pode confundirse coa imaxe dun determinado partido nin dun determinado Goberno. Os actos oficiais son actos do Concello e, polo tanto, deben representar ao conxunto da cidadanía”, afirma a edil socialista.
“Non queremos privilexios, queremos regras iguais para todos”
A voceira socialista insiste en que a iniciativa pretende “normalizar” o funcionamento institucional do concello e evitar que a participación nos actos oficiais dependa da vontade do goberno municipal. “Queremos que haxa regras claras, coñecidas por todos e aplicables a todos”, explica Morenza, que tamén apunta que “hoxe pode gobernar unha determinada formación e mañá outra, pero o concello permanece. Por iso é necesario establecer un protocolo que estea por riba das circunstancias políticas de cada momento”.
Neste sentido, a moción propón dous acordos concretos: modificar o Regulamento Orgánico Municipal para incorporar un protocolo municipal que estableza, entre outras cuestións, que os membros da corporación deben ser invitados ou convocados aos actos e visitas institucionais e oficiais, así como regular a liña de saúdo dos membros corporativos nos actos oficiais. Ademais, reclama que o ROM recoñeza expresamente o dereito da oposición a ser informada dos actos, visitas oficiais, inauguracións e outros eventos de relevancia que teñan lugar no municipio.
“Esperamos que o resto dos grupos entendan que isto non vai de cores políticas, senón de calidade democrática e respecto institucional. Barbadás merece un Concello no que a súa representación institucional sexa a representación de todos e todas, non unha fotografía escollida en función de intereses partidistas”, conclúe a voceira do PSdeG-PSOE no municipio.

