concellos Denuncias

O PSOE de Pontedeva leva a fiscalía ao alcalde por presuntas irregularidades

O PSDEG-PSOE DE PONTEDEVA LEVA A FISCALÍA AO ALCALDE POR PRESUNTAS IRREGULARIDADES NA ADQUISICIÓN DE TERREO INDUSTRIAL, PREVARICACIÓN ADMINISTRATIVA E OMISIÓN DO DEBER DE PERSEGUIR DELITOS

As e os socialistas denuncian o peche dun camiño público en Trado, cunha valado por parte dun particular e con coñecemento do alcalde, impedindo o paso a unha fonte pública

O voceiro socialista, Antonio Vázquez, reclama “transparencia, legalidade e igualdade de trato” na xestión do Concello e pide que se investiguen os feitos postos en coñecemento do Ministerio Fiscal

Pontedeva, 2 de setembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Pontedeva, a través do seu voceiro, Antonio Vázquez Ferreira, puxo en coñecemento da Fiscalía Provincia de Ourense unha serie de feitos que, ao seu xuízo, poderían ser constitutivos de irregularidades e que estarían relacionados coa actuación do actual alcalde do municipio, o popular Juan Carlos González Carbajales, no marco de determinadas actuacións municipais.

As e os socialistas presentaron a comunicación ante a Fiscalía o pasado 23 de xullo de 2026, ao considerar que os feitos coñecidos presentan indicios que deben ser analizados e, se procede, investigados polos organismos competentes. Entre as cuestións trasladadas ao Ministerio Fiscal figuran presuntas irregularidades administrativas, a posible omisión do deber de perseguir determinados feitos e circunstancias relacionadas coa adquisición de terreos destinados a uso industrial, así como coa situación dun camiño público en Trado, que foi pechado de xeito irregular co coñecemento do alcalde, impedindo o paso a unha fonte pública.

Desde o PSOE de Pontedeva sinalan que a súa decisión de acudir á Fiscalía responde exclusivamente á vontade de “defender a legalidade e garantir que os intereses xerais estean por riba de calquera interese particular”. “Non estamos ante unha cuestión persoal nin partidista. Estamos falando de como se xestionan os recursos e o patrimonio público e de se todos os veciños e veciñas reciben o mesmo trato por parte da Administración”, afirma o voceiro socialista, Antonio Vázquez.

O representante do PSdeG-PSOE considera que, ante calquera posible irregularidade, “o que corresponde é deixar actuar á Fiscalía e ás autoridades competentes, para que determinen se existe ou non algunha responsabilidade”. “Nós non imos facer de xuíz nin de fiscal. O que facemos é cumprir coa nosa responsabilidade como oposición e poñer en coñecemento dos organismos correspondentes aqueles feitos que entendemos que deben ser aclarados”, sinala Vázquez.

O PSOE reclama explicacións sobre a xestión municipal

Antonio Vázquez insiste en que o Concello debe actuar sempre baixo os principios de legalidade, transparencia, igualdade e defensa do interese xeral, especialmente cando están en xogo terreos, infraestruturas ou patrimonio municipal.

“Un Concello non pode funcionar en función de quen sexa a persoa afectada ou beneficiada por unha determinada decisión. As regras teñen que ser as mesmas para todos, independentemente da súa condición social, económica ou de calquera outra circunstancia”, manifesta.

Neste sentido, os socialistas consideran especialmente necesario aclarar todas as circunstancias relacionadas coas actuacións e decisións municipais que afectan á zona de Trado, e reclaman que se determine con total claridade se os procedementos seguidos se axustaron á normativa vixente.

O voceiro do PSdeG-PSOE de Pontedeva asegura que o seu grupo continuará exercendo “unha oposición responsable, fiscalizadora e comprometida coa defensa dos intereses de todos os veciños e veciñas”.

“Imos seguir denunciando calquera situación que consideremos que debe ser aclarada. A nosa prioridade é Pontedeva e os seus veciños, e non imos mirar para outro lado cando entendamos que pode estar en xogo a legalidade ou o interese público”, conclúe Antonio Vázquez.

O PSOE de Pontedeva reitera así o seu compromiso coa transparencia na xestión municipal e coa posta en coñecemento das autoridades competentes de calquera feito que considere susceptible de investigación, deixando que sexan os órganos correspondentes os que determinen a existencia ou non de responsabilidades.