O PSDEG-PSOE DE CENLLE CONSIDERA “UNHA TOMADURA DE PELO” QUE A XUNTA POÑA COMO EXEMPLO DE BOA XESTIÓN A UN CONCELLO QUE LEVA ANOS ARRASTRANDO PROBLEMAS COA REDE DE AUGA
Denuncian que resulta “cando menos contraditorio” que a conselleira fale de Cenlle como modelo de boa xestión precisamente no momento en que a Xunta ten que mobilizar centos de miles de euros para corrixir deficiencias na rede municipal
“A conselleira fala de responsabilidade por facer unha auditoría, pero debería preguntarse tamén por que foi necesaria, que aconteceu durante todos estes anos e por que a veciñanza tivo que soportar as consecuencias dunha xestión que xerou perdas de auga e tamén importantes custos económicos para o Concello”, afirma Ángela González
Cenlle, 3 de setembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Cenlle considera “sorprendente e difícil de entender” que a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, puxese ao concello de Cenlle como “exemplo de responsabilidade” pola realización dunha auditoría sobre a rede de abastecemento, cando precisamente esa auditoría vén de poñer de manifesto as importantes deficiencias existentes na rede de auga de Laias.
A Xunta e o concello de Cenlle veñen de anunciar un investimento de preto de 580.000 euros para renovar as redes de abastecemento e saneamento de Laias, unha actuación que se financiará nun 80% por parte da Xunta e nun 20% polo Concello. Segundo a propia información de Augas de Galicia, a actuación permitirá substituír tubaxes de PVC que sufrían “constantes roturas e perdas”, ademais de renovar elementos da rede e executar novas conexións domiciliarias.
Para a voceira do PSdeG-PSOE de Cenlle, Ángela González Pérez, resulta “cando menos contraditorio” que a conselleira fale de Cenlle como modelo de boa xestión precisamente no momento en que a Xunta ten que mobilizar centos de miles de euros para corrixir deficiencias na rede municipal.
“Ánxeles Vázquez debería explicar que ten de exemplar unha xestión que leva anos permitindo perdas de auga, problemas na rede e unha situación económica do servizo que o propio PSOE leva denunciando desde hai anos. Facer unha auditoría é positivo, pero non pode converterse nunha medalla para quen tivo que chegar a este punto por non actuar antes”, sinala González.
Os socialistas lembran que xa en abril de 2023 denunciaron que o Concello recoñecera a perda de 500.000 metros cúbicos de auga nos catro anos anteriores, cun custo superior aos 80.000 euros para as arcas municipais. O PSOE viña reclamando explicacións sobre estas perdas e advertía do “nefasto funcionamento” do servizo da traída. “Levamos anos advertindo de que algo non funcionaba ben e agora a propia Xunta confirma que había que renovar a rede por mor das roturas e das perdas”, apunta a voceira socialista, que tamén sinala que “non estamos ante un exemplo de boa xestión, senón ante o recoñecemento de que había un problema que había que solucionar”.
A Xunta debería preguntar tamén onde están os cartos do canon da auga
O PSdeG-PSOE considera ademais que as declaracións da conselleira non poden desligarse da situación que se coñece desde o pasado ano arredor da xestión económica do servizo da auga.
En outubro de 2025, as e os socialistas denunciaron que o concello tiña que asumir máis de 170.000 euros en débedas, multas e recargos relacionados co canon da auga, correspondentes a períodos anteriores, e advertiron de que o canon seguía sen estar correctamente atendido.
Posteriormente, en novembro de 2025, o PSdeG-PSOE de Cenlle reclamou unha auditoría externa das contas municipais e da xestión, ante as irregularidades detectadas na área da auga. Naquel momento, as e os socialistas sinalaron tamén problemas na tramitación dos recibos e formularon preguntas sobre os movementos da conta bancaria vinculada ao servizo. A situación levou as e os socialistas a reclamar novamente en maio deste ano unha auditoría que permitise aclarar a denominada “trama da auga” e determinar responsabilidades sobre a xestión económica do servizo.
“A conselleira fala de responsabilidade por facer unha auditoría, pero debería preguntarse tamén por que foi necesaria, que aconteceu durante todos estes anos e por que a veciñanza tivo que soportar as consecuencias dunha xestión que xerou perdas de auga e tamén importantes custos económicos para o Concello”, afirma María Ángela González.
A voceira socialista considera que a Xunta “non debería limitarse a vir a Cenlle para facerse unha foto coa alcaldesa e anunciar unha obra”, senón que debería “escoitar tamén á oposición e á veciñanza que leva anos padecendo os problemas do servizo”.
“Se a propia Xunta recoñece agora que hai que substituír tubaxes por constantes roturas e perdas, o que debería facer a conselleira é explicar por que durante tantos anos non se actuou antes. E, sobre todo, debería deixar de presentar como exemplo de boa xestión aquilo que en realidade é a solución tardía a un problema que levamos anos denunciando”, conclúe González.
O PSdeG-PSOE de Cenlle reclama finalmente ao goberno municipal que aproveite esta actuación para facer unha revisión integral do servizo de abastecemento, mellorar o control dos consumos e das perdas, garantir a transparencia na xestión económica e ofrecer á veciñanza información clara sobre o estado real da rede e sobre os custos que está asumindo o concello.

