O PSDEG-PSOE DA MERCA LEVA Á FISCALÍA UN CONTRATO MILLONARIO ASINADO EN 2014 POLO ALCALDE INHABILITADO DO PP EN RAIRIZ DE VEIGA, XOSÉ XAQUÍN RODRÍGUEZ AMBROSIO, CO ACTUAL REXEDOR DO PP DA MERCA
As e os socialistas rexistran a terceira ampliación da súa denuncia penal ante a Fiscalía Provincial de Ourense e esixen a nulidade de pleno dereito do contrato e lembran que a adxudicación pechouna o entón alcalde do PP, repetindo o modus operandi de ignorar á secretaria polo cal foi inhabilitado en 2015
A empresa adxudicataria carecía presuntamente de capacidade de obrar no momento da sinatura e o seu administrador era funcionario en activo do SERGAS
“A nosa obriga legal como cargos públicos é pór en coñecemento da xustiza calquera indicio de delito. Non facemos ruído político, facemos fiscalización pura, dura e sustentada en documentos oficiais”, sinala Carlos Sousa
A Merca, 3 de setembro de 2026. O PSdeG-PSOE da Merca, a través do seu voceiro, Carlos Sousa, formalizou a presentación da terceira ampliación da súa denuncia penal ante a Fiscalía Provincial de Ourense. Esta nova acción legal pon o foco nas presuntas graves irregularidades cometidas durante a licitación e adxudicación da residencia de maiores e centro de día de Rairiz de Veiga no ano 2014, baixo o mandato do entón alcalde do Partido Popular, Xosé Xaquín Rodríguez Ambrosio.
O contrato, cunha duración de 20 anos e un valor estimado que roldaría os 7 ou 8 millóns de euros, foi adxudicado á mercantil Consultorio Médico San Rosendo S.L., cuxo administrador único era o actual alcalde da Merca, o popular José Manuel Garrido Sampedro.
Tras analizar detalladamente o expediente administrativo, as e os socialistas documentaron un presunto modus operandi idéntico ao que lle custou a inhabilitación ao exalcalde do PP no ano 2015, condenado a oito anos e medio por prevaricación tras ignorar os reparos da secretaria municipal. As probas remitidas á Fiscalía constatan os seguintes extremos:
Adxudicación contra informes técnicos
A xunta de goberno local de Rairiz de Veiga aprobou a concesión o 30 de maio de 2014, obviando un informe técnico da traballadora social, que alertaba do incumprimento dos ratios de persoal, e un informe definitivo da secretaria-interventora do 29 de maio, que ditaminaba literalmente: «informo que non é conforme a dereito a adxudicación do contrato…».
Presunta falta de capacidade de obrar
A empresa modificou o seu obxecto social ante notario en decembro de 2013 para abarcar servizos residenciais, pero dito cambio non se inscribiu no Rexistro Mercantil ata outubro de 2014. Polo tanto, no momento da sinatura do contrato, en xuño de 2014, a mercantil carecía presuntamente da capacidade de obrar esixida pola lei.
Presunta incompatibilidade
O administrador da empresa subscribiu unha declaración xurada en abril de 2014 afirmando non estar incurso en prohibición de contratar, malia ostentar nese momento presuntamente a condición de funcionario en activo do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), vulnerando o réxime de incompatibilidades.
Elusión do Valor Estimado (VEC)
Omitiuse deliberadamente o cálculo real do volume de negocio da concesión a 20 anos, eludindo presuntamente a publicación no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) e rebaixando artificialmente os requisitos de solvencia.
Limpar a herdanza do PP e petición de nulidade
De forma paralela á vía penal, o portavoz socialista rexistrou formalmente este pasado 1 de setembro no concello de Rairiz de Veiga un escrito solicitando a incoación dun expediente de revisión de oficio. O obxectivo é que, previos os informes técnicos correspondentes, se declare a nulidade de pleno dereito de dito contrato, ao considerar que os vicios son insubsanables.
Desde o PSdeG-PSOE da Merca subliñan que estes feitos corresponden en exclusiva á xestión do goberno do PP de 2014, desvinculando de forma absoluta á actual corporación de Rairiz de Veiga.
“A nosa acción busca pór luz e axudar a limpar a herdanza envelenada e os pufos legais que deixou un alcalde do PP inhabilitado. O actual goberno de Rairiz non ten ningunha responsabilidade sobre estas irregularidades, sendo a súa única obriga legal agora tramitar o expediente para que a xustiza e o consello consultivo resolvan”, aclara Carlos Sousa.
Bloqueo institucional na Merca
Carlos Sousa subliña que este caso explica o “bloqueo sistemático” que sofre o concello da Merca. As e os socialistas denuncian que o actual rexedor promete en campaña a creación dun centro de día no seu municipio, pero posteriormente vota en contra das mocións da oposición para facelo realidade.
Esta actitude supón, presuntamente, un grave conflito de intereses, xa que a creación de servizos públicos na Merca podería supor competencia directa para as concesións millonarias que operan empresas vinculadas ao alcalde en municipios veciños. “A nosa obriga legal como cargos públicos é pór en coñecemento da xustiza calquera indicio de delito. Non facemos ruído político, facemos fiscalización pura, dura e sustentada en documentos oficiais”, conclúen dende o grupo municipal socialista.

