O PSDEG-PSOE ESIXE A DIMISIÓN “INMEDIATA” DA ALCALDESA DE CARBALLEDA DE VALDEORRAS E DEPUTADA PROVINCIAL DO PP POR PARTICIPAR NOS INSULTOS CONTRA PEDRO SÁNCHEZ ÁS PORTAS DO CONCELLO DO BARCO
As e os socialistas consideran “inadmisible” a actitude da rexedora e deputada provincial a que se ve nun vídeo difundido por un medio de comunicación aplaudindo, coreando e participando activamente nunha concentración na que se corea o insulto “Pedro Sánchez, hijo de puta”
“Unha persoa que representa institucionalmente a todos os veciños e veciñas do seu concello e que, ademais, é deputada provincial, non pode estar aplaudindo e coreando insultos contra o presidente do Goberno de España”, sinala Álvaro Vila
“Unha alcaldesa non deixa de ser alcaldesa cando participa nun acto do seu partido. Unha deputada provincial non deixa de selo cando está diante dun Concello. Os cargos institucionais implican responsabilidades e esixen unha determinada altura de miras. Non se pode pedir respecto para as institucións cando convén e despois participar en cánticos deste calibre”, critican
En Ribadavia, O PP volveu situarse no centro da polémica ao permitir que un concelleiro que presentara a súa dimisión tras verse implicado nun caso de violencia de xénero exercese como portavoz da formación na lectura do manifesto
Ourense, 3 de setembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense esixe a dimisión “inmediata” da alcaldesa de Carballeda de Valdeorras e deputada provincial do Partido Popular, María del Carmen González, despois de que se difundise un vídeo por parte dun medio de comunicación no que se pode ver á representante popular aplaudindo, coreando e participando activamente nunha concentración na que se corea o insulto “Pedro Sánchez, hijo de puta” diante das portas do concello do Barco de Valdeorras.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense e voceiro do Grupo Provincial Socialista, Álvaro Vila, considera estes feitos “gravísimos e absolutamente incompatibles coas responsabilidades institucionais que esta persoa ostenta” e lamenta “profundamente” que unha alcaldesa e deputada provincial participe nun acto deste tipo.
“Unha persoa que representa institucionalmente a todos os veciños e veciñas do seu concello e que, ademais, é deputada provincial, non pode estar aplaudindo e coreando insultos contra o presidente do Goberno de España”, sinala Vila, que tamén denuncia que “isto non é liberdade de expresión nin é discrepancia política: é unha falta de respecto intolerable cara ás institucións democráticas”.
Dende o PSOE ourensán subliñan que Pedro Sánchez é o presidente do Goberno de España elixido democraticamente e que, como tal, merece o mesmo respecto institucional que calquera outro presidente, independentemente da posición política que cada persoa manteña.
“Pódese criticar a Pedro Sánchez, ao Goberno de España e calquera das súas decisións. Iso forma parte do xogo democrático. O que non é aceptable é que representantes públicos se sumen a insultos persoais, groseiros e absolutamente impropios dunha persoa que ocupa unha alcaldía e un cargo na Deputación”, sinalan as e os socialistas.
Usaron Ceuta como escusa para atacar ao Goberno
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense denuncian tamén que a concentración non foi realmente un acto en defensa de Ceuta nin do pobo ceutí, senón “unha nova escenificación do Partido Popular para atacar ao Goberno de España”. “Se ao PP lle preocupase realmente Ceuta, falaría de Ceuta, das necesidades da súa cidadanía e das solucións que propón. Pero volvemos asistir ao mesmo de sempre: utilizan calquera asunto como escusa para atacar a Pedro Sánchez. E nesta ocasión chegouse ao extremo de converter unha concentración política nun coro de insultos contra o presidente do Goberno”, afirman.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE considera especialmente preocupante que no vídeo tamén aparezan dúas concelleiras do Partido Popular no Barco, polo que reclama á dirección provincial do PP que “dea explicacións e aclare se comparte e avala este comportamento”.
“Quero saber se o presidente provincial do PP, Luís Menor, considera normal que unha alcaldesa e deputada provincial do seu partido participe nestes insultos. Quero saber se o PP de Ourense vai condenar estes feitos ou se vai volver esconderse detrás do silencio. Porque o silencio, neste caso, tamén é unha forma de complicidade”, advirte Vila.
O PP segue sen aceptar o xogo democrático
As e os socialistas afirman que o sucedido evidencia que “o PP segue sen aceptar plenamente o xogo democrático nin o respecto polas institucións”. “O Partido Popular segue confundindo oposición política con insulto, crítica con deslexitimación e confrontación democrática con odio ao adversario. Non saben asumir que nunha democracia hai Gobernos que poden gustar máis ou menos, pero que deben ser respectados porque representan a vontade expresada nas urnas”, sinalan.
Para o PSdeG-PSOE de Ourense “é especialmente grave que esta actitude proceda de persoas que teñen a obriga de representar institucionalmente á cidadanía”. “Unha alcaldesa non deixa de ser alcaldesa cando participa nun acto do seu partido. Unha deputada provincial non deixa de selo cando está diante dun Concello. Os cargos institucionais implican responsabilidades e esixen unha determinada altura de miras. Non se pode pedir respecto para as institucións cando convén e despois participar en cánticos deste calibre”, critican.
“O PP de Ourense segue sendo o partido dos anos 80. Un partido ancorado no pasado, incapaz de evolucionar, incapaz de entender que a democracia esixe respecto ao adversario e ás institucións. Mentres a sociedade avanza, eles continúan instalados no insulto, na crispación, na confrontación e na política máis rancia”, sinalan dende o PSOE ourensán.
“Levamos anos vendo esta maneira de facer política na provincia de Ourense: ataques persoais, utilización partidista das institucións e unha incapacidade absoluta para aceptar que existen outras formas de pensar. O vídeo que agora coñecemos é simplemente a expresión máis evidente desa maneira de entender a política”, engaden.
Álvaro Vila reclama ao PP de Ourense que non se limite a mirar cara a outro lado e que adopte medidas ante o comportamento da súa representante. “A alcaldesa de Carballeda e deputada provincial debe dimitir. Non hai escusas, non hai xustificacións e non hai ningún argumento que poida explicar que unha representante pública participe nestes insultos. Se o PP considera que isto é inadmisible, debe esixirlle a dimisión. E se non o fai, deberá explicar aos cidadáns de Ourense por que está disposto a tolerar este comportamento”, conclúe.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE remarca finalmente que as e os socialistas “non van normalizar os insultos nin permitir que a política ourensá se converta nunha competición para ver quen é capaz de lanzar o ataque máis baixo”. “A democracia merece máis. As institucións merecen máis. E a cidadanía de Carballeda, do Barco e de toda a provincia de Ourense merece representantes públicos á altura das súas responsabilidades. O que vimos neste vídeo é xustamente o contrario”, sentencia Álvaro Vila.
O PP de Ribadavia sitúa como portavoz nun acto político a un concelleiro que dimitiu por un caso de violencia de xénero
O PP de Ribadavia volveu situarse no centro da polémica ao permitir que un concelleiro que presentara a súa dimisión tras verse implicado nun caso de violencia de xénero exercese como portavoz da formación na lectura dun manifesto durante a concentración convocada polo Partido Popular en defensa de Ceuta. Un acto que, lonxe de limitarse á reivindicación institucional, acabou convertido nun novo escenario de ataque político ao Goberno de España. Desde o PSdeG-PSOE consideran “especialmente grave que o PP ourensán outorgue protagonismo e representación pública a unha persoa que abandonou o seu cargo municipal por un asunto desta natureza, e reclaman aos populares que expliquen se esta é a súa maneira de entender a responsabilidade política e institucional”.


