O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS RECLAMA UN PLAN PARA RECUPERAR OS LAVADOIROS TRADICIONAIS DO MUNICIPIO E ACTUAR DE INMEDIATO EN TRES DELES
As concelleiras socialistas levarán ao pleno unha moción para impulsar a rehabilitación dos lavadoiros do Regueiro, o Moredo e As Laxes, así como para establecer un programa periódico de limpeza e mantemento destes espazos
“Os lavadoiros son moito máis que pedras, fontes e cubertas: son memoria, patrimonio e parte da historia da nosa veciñanza”, sinala a voceira socialista, Victoria Morenza, quen lembra que estes espazos “foron durante décadas lugares de encontro, de conversación e de socialización da comunidade”
Barbadás, 4 de setembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás levará ao pleno municipal do vindeiro luns 7 de setembro unha moción na que reclama a elaboración dun plan de actuación para a recuperación integral dos lavadoiros tradicionais do municipio, así como a intervención prioritaria en tres destes elementos patrimoniais: o lavadoiro do Regueiro, en Barbadás; o do Moredo, en Bentraces; e o das Laxes, en Piñor.
Barbadás conta con aproximadamente unha vintena de lavadoiros tradicionais repartidos polo territorio municipal, elementos que, segundo as concelleiras socialistas, “constitúen unha parte fundamental do patrimonio arquitectónico, histórico e etnográfico local”. O PSdeG-PSOE considera necesario establecer unha planificación que permita actuar “progresivamente” sobre aqueles que presentan maiores necesidades, ao tempo que se garanta o seu mantemento periódico.
“Os lavadoiros son moito máis que pedras, fontes e cubertas: son memoria, patrimonio e parte da historia da nosa veciñanza”, sinala a voceira socialista, Victoria Morenza Doforno, quen lembra que estes espazos “foron durante décadas lugares de encontro, de conversación e de socialización da comunidade”.
Morenza destaca especialmente o papel que desempeñaron estes lugares na vida das mulleres, afirmando que “durante moitos anos os lavadoiros foron tamén espazos de liberdade para as mulleres, lugares onde podían conversar, compartir experiencias e expresarse con maior naturalidade. Recuperalos é tamén recuperar unha parte da historia das nosas avoas e das xeracións que nos precederon”.
A voceira socialista considera que a recuperación deste patrimonio debe facerse “escoitando á veciñanza e ás asociacións veciñais, que en numerosas ocasións teñen trasladado a necesidade de actuar nestes espazos”, e apostando por intervencións que respecten as características tradicionais de cada lavadoiro.
Tres actuacións prioritarias
A moción establece tres intervencións que o Grupo Socialista considera prioritarias. No caso do lavadoiro do Regueiro, en Barbadás, o PSdeG-PSOE reclama “avanzar no proxecto de recuperación deste espazo, no que xa se teñen realizado xestións e consultas técnicas coa Dirección Xeral de Patrimonio para buscar unha solución urbanística axeitada”.
A proposta contempla a posta en valor do tanque e do propio lavadoiro, así como a recuperación da canle de auga de saída, actualmente canalizada mediante un tubo de formigón. Tamén se pretende humanizar o entorno e reforzar a conexión entre o lavadoiro e o espazo natural que o rodea, poñendo en valor o propio ciclo da auga. A actuación incluiría ademais a substitución da actual estrutura da cuberta, que presenta un importante deterioro provocado pola humidade, mantendo ao mesmo tempo o carácter tradicional da construción e deixando aberto o espazo central.
O segundo punto prioritario é o lavadoiro do Moredo, en Bentraces, sobre o que as socialistas consideran imprescindible actuar con urxencia. O espazo ten estado condicionado nos últimos anos por diferentes actuacións, entre elas un obradoiro de emprego e intervencións da Confederación Hidrográfica. Para o Grupo Socialista, é especialmente necesario abordar a retirada da cuberta que contén amianto e a súa substitución por unha cuberta tradicional, ademais de mellorar o entorno inmediato do lavadoiro.
“Non podemos aceptar que o lavadoiro do Moredo quede no esquecemento. Hai que buscar unha solución que permita conservar o seu carácter tradicional, garantir a seguridade e recuperar o decoro dun espazo moi apreciado pola veciñanza”, apunta Morenza.
Finalmente, as socialistas propoñen actuar sobre o lavadoiro das Laxes, no camiño do Pito, en Piñor, tanto sobre o propio elemento patrimonial como sobre o seu entorno, co obxectivo de recuperar e dignificar este espazo.
Un plan para todos os lavadoiros
Máis alá destas tres actuacións concretas, o PSdeG-PSOE considera necesario que o concello deixe de actuar de maneira puntual e estableza unha planificación global para o conxunto dos lavadoiros do municipio. Por iso, a moción reclama a elaboración dun plan de actuación que permita determinar as necesidades de cada un dos lavadoiros, establecer prioridades en función do seu estado de conservación e do seu valor patrimonial e programar as correspondentes intervencións.
As socialistas tamén propoñen que o concello estableza labores periódicos de limpeza e mantemento dos lavadoiros e dos seus contornos, evitando que estes espazos presenten unha imaxe de abandono ou falta de coidado. “O que pedimos é algo tan sinxelo como ter unha folla de ruta. Saber en que estado está cada lavadoiro, que precisa, canto custa recuperalo e cando se vai actuar. Non ten sentido esperar a que un elemento patrimonial se deteriore completamente para comezar a pensar na súa recuperación”, afirma Victoria Morenza.
A voceira socialista defende que a conservación deste patrimonio debe entenderse tamén como unha oportunidade para poñer en valor a identidade dos diferentes núcleos de Barbadás, recuperar espazos de uso comunitario e transmitir ás novas xeracións unha parte esencial da historia do municipio.
“Temos unha vintena de lavadoiros que forman parte da nosa paisaxe e da nosa memoria. Algúns xa foron recuperados, pero outros precisan actuacións. O que reclamamos é compromiso, planificación e vontade para que dentro de vinte ou trinta anos os nosos fillos e netos poidan seguir coñecendo e desfrutando destes espazos”, conclúe Morenza.

