O PSDEG-PSOE DE PONTEDEVA LOGRA QUE SE RETIRE O VALADO E SE REABRA O CAMIÑO PÚBLICO DE TRADO LOGO DE LEVAR O CASO ANTE FISCALÍA POR POSIBLES IRREGULARIDADES
As e os socialistas destacan que a súa actuación e a posta en coñecemento do Ministerio Fiscal deron os seus froitos e permiten recuperar o acceso a unha fonte pública
“Se o PSOE de Pontedeva non puxese estes feitos en coñecemento da Fiscalía e non reclamase que se actuase, probablemente hoxe seguiríamos falando dun camiño público pechado e dun acceso impedido a unha fonte pública”, sinala o voceiro socialista, Antonio Vázquez Ferreira
Pontedeva, 4 de setembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Pontedeva celebra que o camiño público situado en Trado volva estar aberto ao paso despois de que, tras a actuación dos socialistas e a posta en coñecemento dos feitos ante a Fiscalía, se iniciaran os traballos para retirar os elementos que impedían o acceso.
As e os socialistas lembran que este mércores, 2 de setembro, fixeron pública a decisión de poñer en coñecemento da Fiscalía Provincial de Ourense unha serie de feitos relacionados co peche deste camiño público, que impedía o acceso a unha fonte pública, así como outras cuestións relativas á actuación do alcalde de Pontedeva, Juan Carlos González Carbajales.
Desde o PSOE de Pontedeva sinalan que, dous días despois de dar este paso, a situación comeza a corrixirse. Segundo explican, tras unha reunión mantida o pasado luns entre o alcalde e o propietario na súa propia propiedade, o Concello tomou a iniciativa de actuar sobre o camiño e, na xornada de hoxe, o propietario atópase traballando con tres operarios para retirar os postes e o enreixado que obstaculizaban o paso.




Para os socialistas, estes feitos evidencian a importancia da denuncia realizada e da labor de fiscalización exercida desde a oposición. “Se o PSOE de Pontedeva non puxese estes feitos en coñecemento da Fiscalía e non reclamase que se actuase, probablemente hoxe seguiríamos falando dun camiño público pechado e dun acceso impedido a unha fonte pública”, sinala o voceiro socialista, Antonio Vázquez Ferreira.
O camiño volve estar aberto grazas á iniciativa do PSOE
Antonio Vázquez considera que o máis importante é que os veciños e veciñas volven recuperar un espazo público que nunca debería ter estado pechado. “O noso obxectivo non era facer ruído nin entrar en guerras políticas. O que fixemos foi cumprir coa nosa responsabilidade como oposición, denunciar unha situación que considerabamos que debía ser aclarada e poñela en coñecemento da Fiscalía. E hoxe vemos que esa actuación deu os seus froitos: os valados están sendo retirados e o camiño público volve estar aberto”.
O voceiro socialista engade que “isto demostra que fiscalizar, denunciar e defender os intereses xerais serve para algo” e reivindica o papel do PSOE de Pontedeva como unha oposición “responsable, firme e comprometida cos veciños”.
“Non queremos apropiarnos de nada que non nos corresponda, pero si dicir claramente que foi o PSOE quen puxo esta situación en coñecemento da Fiscalía e quen reclamou que se actuase. Hoxe, por fin, o camiño está volvendo á normalidade e os veciños poden recuperar o acceso a unha fonte pública”, apunta Vázquez.
Os socialistas lembran que na súa denuncia reclamaban transparencia, legalidade e igualdade de trato na xestión municipal e que, no caso concreto de Trado, consideraban necesario aclarar todas as circunstancias relacionadas co peche do camiño e coa actuación municipal.
O PSOE seguirá vixiando que o espazo público permaneza aberto
O PSdeG-PSOE de Pontedeva considera que a retirada dos postes e do enreixado supón un primeiro paso positivo, pero advirte de que continuará vixiando que o camiño permaneza aberto e que se garanta con carácter permanente o acceso público á fonte.
“Nós imos seguir facendo o noso traballo. Se hai situacións que afectan ao patrimonio público, aos dereitos dos veciños ou ao cumprimento da legalidade, imos poñelas enriba da mesa e, cando sexa necesario, ante os organismos competentes”, afirma Antonio Vázquez.
O voceiro socialista conclúe que “o que queda demostrado é que cando hai unha oposición que fiscaliza e actúa, as cousas poden cambiar. Hoxe o camiño está aberto e iso é unha boa noticia para Pontedeva e para todos os veciños e veciñas que teñen dereito a desfrutar dos espazos públicos do municipio”.

