A primeira das mocións reclama a publicación dun balance dos investimentos, do uso do remanente e dos servizos que se prestan sen contrato; así como “saber canto queda pendente e canto vai custar manter todo o que se está facendo”, tal e como expicou a edil María Fernández
“A banda non desapareceu porque a xente non a quixese señor. A banda de música desapareceu porque os músicos se xubilaron, non se convocaron novas prazas e foise deixando morrer”, defendeu a concelleira Alba Iglesias
En Ourense, a 4 de setembro de 2026. “A nós gustaríanos que neste Salón de Plenos se debatesen propostas de avance para a nosa cidade e se tiveran en consideración, por iso levamos 3 anos traendo iniciativas en positivo. Pero é certo que tamén levamos todo o mandato pedindo máis transparencia e que se expliquen cousas do día a día que ninguén explica e que xeran un clima de inseguridade e intranquilidade. Dunha banda, a xente non cobra; doutra banda, as obras paralízanse; hai edificios patrimoniais que se queiman… E, ao mellor, se o propio día que acontencen as cousas se dan inmediatamente explicacións, na medida das súas posibilidades, habería orde, transparencia e máis seguridade”, comezou inxerindo a edil do PSdeG María Fernández no debate da moción que defendeu neste pleno ordinario de setembro.
O texto aprobado –co voto favorable de PP e BNG e malia os votos en contra de DO– céntrase na transparencia, a sustentabilidade económica e a planificación dos investimentos municipais, ante a preocupación das edís socialistas pola situación económica do Concello e pola existencia de obras, servizos e subministracións cunha execución ou pagamento pendentes.
Así as cousas, a iniciativa esixe ao goberno local que publique, antes do 31 de outubro, un balance dos investimentos superiores aos 100.000 euros iniciados durante o actual mandato indicando: o seu orzamento, financiamento externo, grao de execución, cantidades pagadas e pendentes. Tamén que informe sobre as modificacións de crédito financiadas co Remanente desde xuño de 2023 e sobre os servizos municipais que continúan prestándose sen contrato ordinario en vigor.
“Por que existe un abuso dos contratos menores e por que se empregan de xeito indiscriminado? Cada vez que sucede algo grave nesta cidade, sexa cunha obra ou con calquera incidente, o alcalde bota gasolina: xusto o contrario do que a veciñanza agarda. Por favor, gobernen”, exhortou a edil do PSdeG.
A proposta contempla igualmente que o Portal de Transparencia incorpore un balance que permita coñecer cantas actuacións foron anunciadas, contratadas, iniciadas, executadas, recepcionadas e completamente pagadas. “Non chega con anunciar obras nin con colocar carteis: hai que saber canto queda pendente e canto vai custar manter todo o que se está facendo. Os cartos públicos son de todos e a veciñanza ten dereito a coñecer como se están xestionando”, incidiu no debate plenario.
Ademais, a edil do PSdeG Alba Iglesias presentou outra moción –respaldada tamén cos votos positivos de BNG e PP– para impulsar a recuperación da Banda Municipal de Música de Ourense como servizo cultural estable; reforzar a Escola Municipal de Música e establecer unha conexión entre ambas para que a banda poida funcionar tamén como espazo de formación práctica para o alumnado.
A proposta inclúe tamén a recuperación do uso cultural e musical do Palco da Alameda, a programación de actuacións nos barrios e lugares públicos e a incorporación nos próximos orzamentos dunha dotación económica suficiente e estable para poner en marcha a iniciativa.
“Como con tantísimas cousas, Ourense é das poucas cidades de Galicia que non teñen banda municipal. E dígoo porque, seguramente, para sopresa de ninguén me van a dicir que en Vigo non hai banda e que goberna o PSOE e que por que pedimos aquí o que non hai alí. Bueno, non se preocupen que se votan a favor eu logo mándolle unha mensaxe a Abel Caballero e pídolle a banda municipal alí tamén”, ironizou a socialista.
“Hai unha frase que me gusta moito que vén recollida na moción e que dixemos moito en redes sociais tamén. E é que non ter banda municipal porque non enche o mesmo cunha actuación de orquesta ou DJ, é como lle dicir aos nenos que non vaian ao colexio e que queden co móbil porque lles gusta máis. Seguro que me argumentarán que é unha falacia de vai ti a saber que subtipo. Pero o tema é que estamos a falar tamén dun proxecto educativo para a mocidade, e é importante non perder esta perspectiva”, insistiu durante a súa intervención.
“O noso modelo é unha unión conveniada de banda e escola. Ten que haber traballadores profesionais e os alumnos máis avantaxados ou con proxección teñen que poder tocar na banda da súa cidade. Pero, evidentemente, a cambio de algo que podería ser, por exemplo, algún tipo de bolsa ou beca para axudalos a dedicarse á música. A banda non desapareceu porque a xente non a quixese señor. A banda de música desapareceu porque os músicos se xubilaron, non se convocaron novas prazas e foise deixando morrer”, rematou lamentando.

