O PSDEG-PSOE DA MERCA DESMONTA A «ESCUSA SEMÁNTICA» DO ALCALDE DO PP ANTE AS PRESUNTAS IRREGULARIDADES, XA QUE TAL E COMO LEMBRAN A LEI DE INCOMPATIBILIDADES PROHIBE CONTRATAR COA ADMINISTRACIÓN A TODO O PERSOAL DO SERGAS
O grupo municipal socialista aclara que a normativa non fai distincións e afecta por igual a funcionarios de carreira, persoal estatutario, interinos ou eventuais que perciban nómina pública
A oposición rexeita rotundamente o vitimismo do rexedor, que cualificou a fiscalización das adxudicacións de «ataques persoais», lembrando que a nosa prioridade é o rigor legal e a transparencia institucional
«O intento do rexedor de utilizar un cortalumes semántico é un insulto á intelixencia. Se cobraba da sanidade pública mentres a súa empresa obtiña adxudicacións municipais, o problema non se soluciona negando a palabra ‘funcionario’ nos medios», sinala Carlos Sousa.
A Merca, 7 de setembro de 2026. O PSdeG-PSOE da Merca, a través do seu voceiro, Carlos Sousa, emite unha rotunda aclaración para desmontar as recentes declaracións en prensa do actual alcalde do Partido Popular, José Manuel Garrido Sampedro.
O rexedor tentou defenderse das graves informacións sobre a xestión de residencias municipais alegando que «nunca foi funcionario» e cualificando o lexítimo labor de fiscalización do grupo socialista de «ataques persoais».
Desde o PSdeG-PSOE sinalan que o intento do rexedor de escudarse na natureza exacta do seu contrato laboral non o exime das presuntas ilegalidades detectadas nos expedientes de adxudicación.
Á luz da normativa vixente, o partido expón os seguintes extremos:
A Lei 53/1984 non fai excepcións semánticas
O alcalde confunde deliberadamente o termo «funcionario de carreira» coa aplicación real da Lei 53/1984, de Incompatibilidades do Persoal ao Servizo das Administracións Públicas. O Artigo 2 desta norma establece de forma explícita que o seu ámbito de aplicación abarca a todo o persoal, «calquera que sexa a natureza xurídica da relación de emprego». Isto inclúe de cheo ao persoal estatutario (o réxime xurídico da inmensa maioría dos médicos do SERGAS), así como a interinos, eventuais ou persoal laboral.
A prohibición absoluta de contratar
A lexislación prohibe terminantemente que calquera traballador que perciba retribucións dos orzamentos públicos forme parte do Consello de Administración ou sexa administrador único de empresas que teñan concesións ou contratos con calquera Administración Pública (como os Concellos). É irrelevante se a súa praza no SERGAS é fixa ou temporal; a presunta fraude á prohibición de contratar materializaríase no momento en que se ostentasen ambos os cargos simultaneamente.
A hipótese da incompatibilidade sobrevida
Se o rexedor e o seu equipo pretendesen argumentar que no momento exacto dalgunha das sinaturas se atopábase nunha suposta «pausa» da súa relación laboral co SERGAS, dito argumento sería igualmente letal. No instante en que retomase a actividade como médico público, podería ter incorrido nunha incompatibilidade sobrevida, estando obrigado a renunciar ao cargo público ou a abandonar a administración da empresa concesionaria.
A fiscalización do diñeiro público non é un «ataque persoal»
“Resulta esperpéntico que o Sr. Garrido xustifique a investigación destas adxudicacións millonarias afirmando que son ataques persoais pola miña actividade profesional fóra do Concello», sinala Carlos Sousa. O alcalde confunde a súa vida privada coa xestión de concesións municipais financiadas cos impostos de todos os cidadáns. Auditar expedientes con indicios racionais de vulneración da lei non é un ataque, senón a estrita obriga legal da oposición.
«Desde o grupo municipal socialista rexeitamos este intento de victimización, que só busca ocultar a carencia de argumentos legais e técnicos ante a nosa labor de fiscalización. A nosa prioridade é o traballo rigoroso baseado no cumprimento da legalidade e no exame dos rexistros públicos, lonxe de calquera confrontación allea ao interese xeral dos veciños e veciñas da Merca», conclúen dende o grupo municipal socialista.

