O PSDEG-PSOE DE OURENSE DESTACA QUE 391 AGRICULTORES DA PROVINCIA RECIBIRÁN MÁIS DE 508.000 EUROS DO GOBERNO PARA FACER FRONTE AO ENCARECEMENTO DOS FERTILIZANTES
Rafa Villarino subliña que “o Goberno de España volve estar ao lado do sector agrario cunha axuda directa que permitirá reducir o impacto da suba dos custos de produción”
“Falamos de máis de medio millón de euros que van chegar directamente a 391 explotacións da provincia de Ourense, axudando a afrontar o custo dun insumo fundamental para garantir a produción agrícola”, afirma
Ourense, 7 de setembro de 2026. Un total de 391 agricultores e agricultoras da provincia de Ourense recibirán 508.183,86 euros en axudas directas para facilitar a compra de fertilizantes, no marco das medidas extraordinarias aprobadas polo Goberno de España para paliar o incremento dos custos deste insumo.
As persoas beneficiarias ourensás son titulares dunha superficie total de 10.715,80 hectáreas. Destas, 8.916,89 hectáreas corresponden a cultivos de secaño, que recibirán un total de 341.784,43 euros, mentres que as restantes 1.798,91 hectáreas son de regadío, con axudas por importe de 166.399,43 euros.
No conxunto de Galicia, as axudas chegarán nesta primeira relación a 3.299 beneficiarios, mentres que no ámbito estatal serán 249.376 agricultores e agricultoras os que perciban un total de 494,57 millóns de euros.
O senador do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafa Villarino, pon en valor “o compromiso do Goberno de España co sector primario, especialmente nun momento no que os custos de produción están a poñer unha enorme presión sobre as explotacións agrarias”.
“Falamos de máis de medio millón de euros que van chegar directamente a 391 explotacións da provincia de Ourense, axudando a afrontar o custo dun insumo fundamental para garantir a produción agrícola”, sinala Villarino, quen destaca que “estas son medidas concretas que teñen un impacto real no día a día dos nosos agricultores e agricultoras”.
O senador socialista subliña ademais que “o obxectivo desta medida non é outro que evitar que o incremento do prezo dos fertilizantes recaia sobre as explotacións e, posteriormente, sobre o prezo dos alimentos, garantindo ao mesmo tempo que se poidan manter uns niveis adecuados de fertilización e, polo tanto, os volumes de produción”.
Unha medida de 700 millóns de euros
Estas axudas extraordinarias están recollidas no artigo 50 do Real Decreto-lei 7/2026, do 20 de marzo, do Plan Integral de Resposta á Crise de Oriente Medio, aprobado polo Goberno de España, que contempla unha subvención global de 700 millóns de euros para facilitar a compra de fertilizantes ante o forte incremento do seu prezo. As persoas beneficiarias percibirán ata 92,50 euros por hectárea nos cultivos de regadío e ata 38,33 euros por hectárea nos de secaño.
Villarino sinala que “o sector agrario ourensán sabe que non está só” e puxo como exemplo estas axudas, “que permiten dar unha resposta rápida a unha situación extraordinaria provocada polo encarecemento dunha materia prima esencial para a actividade agrícola”.
“Desde o PSdeG-PSOE consideramos fundamental que as administracións estean ao lado dos produtores cando se producen situacións que comprometen a súa rendibilidade. A agricultura e a gandaría son sectores estratéxicos para Ourense e precisan medidas de apoio, non discursos baleiros”, afirma.
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicará proximamente unha segunda relación de potenciais beneficiarios, polo que o número final de agricultores e agricultoras ourensáns que poderán acceder a estas axudas poderá incrementarse. O primeiro listado de beneficiarios permite xa consultar as contías correspondentes a través da páxina web do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA).
“O Goberno de España mobiliza 700 millóns de euros para apoiar directamente aos agricultores fronte a unha suba extraordinaria dos fertilizantes. En Ourense, máis de 500.000 euros xa teñen destinatarios concretos, e agardamos que a segunda relación permita que máis explotacións da provincia poidan beneficiarse desta medida”, conclúe Villarino.

