O PSDEG-PSOE DE LEIRO DENUNCIA O “BURACO ECONÓMICO” DA CARREIRA POPULAR E ACUSA AO GOBERNO DO PP DE “FACER PAGAR Á VECIÑANZA POLA SÚA MALA XESTIÓN”
As e os socialistas cifran en 4.855,87 euros o déficit da 42ª edición e denuncian que o Concello “leva o diñeiro público fóra de Leiro mentres abandona ao comercio, á hostalería e aos autónomos locais”
“Que quede claro que o PSOE non está contra a Carreira Popular. Estamos orgullosos de que Leiro conte cunha proba con máis de catro décadas de historia. O que non podemos aceptar é que o goberno do PP sexa incapaz de xestionar correctamente un evento consolidado”, sinala Manuel Rodríguez
“Un evento que reúne deportistas, familias e visitantes debería ser unha oportunidade extraordinaria para encher os bares, restaurantes, comercios e establecementos de Leiro, pero o goberno do PP parece entender a Carreira Popular simplemente como unha sucesión de facturas que hai que pagar”, denuncia Pedro José González
Leiro, 8 de setembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia o que cualifica como un novo exemplo da “nefasta xestión económica do goberno municipal do PP”, neste caso a raíz da fiscalización das contas da 42ª Carreira Popular de Leiro, que deixa un déficit de 4.855,87 euros que terá que ser asumido polas arcas municipais.
As e os socialistas sinalan que a proba deportiva partía dun orzamento inicial de 10.695 euros, pero a liquidación final disparouse ata os 13.529,87 euros, xerando un desfase económico que, segundo denuncian, “acaba pagando o conxunto dos veciños e veciñas de Leiro”.
O concelleiro socialista Manuel Rodríguez Vázquez considera que “o que estamos vendo é o resultado dunha forma de gobernar baseada en gastar sen planificación e sen preocuparse polo retorno que ese gasto debe ter para Leiro”.
“Que quede claro: o PSdeG-PSOE non está contra a Carreira Popular. Estamos orgullosos de que Leiro conte cunha proba con máis de catro décadas de historia. O que non podemos aceptar é que o goberno do PP sexa incapaz de xestionar correctamente un evento consolidado, xere un déficit de case 4.900 euros e, ao mesmo tempo, non sexa capaz de facer que ese investimento repercuta no comercio e na hostalería do noso municipio”, afirma Rodríguez Vázquez.


O PP fai que os veciños paguen dúas veces
O desglose dos gastos evidencia, tal e como apunta o PSdeG-PSOE, que boa parte dos recursos empregados na organización da carreira foron parar a empresas e entidades alleas a Leiro. Entre os principais pagamentos figuran 3.393,75 euros a Als Sport Project Event, S.L. por material téxtil e camisetas; 2.418,79 euros a Inforsonic Sistemas S.C. polo sistema audiovisual e montaxe técnica; e 2.031,78 euros a Multisports Galicia S.L.U. pola xestión das inscricións, empresa que ademais recadou 3.634 euros en taxas dos participantes. A estes gastos engádense 975,20 euros da Federación Galega de Atletismo, 786,50 euros de Badal Novas, S.L. por servizos publicitarios, 726 euros de Especialistas Hípica Celta S.L.L. por animación musical infantil e 650 euros de Servicios Sanitarios do Ribeiro S.L. pola cobertura sanitaria. Tamén aparecen outros pagos por deseño gráfico, obsequios institucionais, caixas de madeira ou servizos de animación e locución.
“Os veciños pagan dúas veces”, denuncia Rodríguez Vázquez, que sinala neste senso que “primeiro, cando se lles pide colaboración e achegas para sacar adiante a carreira e, despois, cos seus impostos, cando teñen que asumir o buraco económico que deixa a xestión do goberno municipal”.
O concelleiro socialista considera especialmente grave que “mentres aos autónomos e empresarios de Leiro se lles pide que arrimen o ombreiro, o concello non sexa capaz de deseñar unha carreira que devolva unha parte importante dese esforzo á economía local”.
O goberno municipal converte unha oportunidade para Leiro nun gasto sen retorno
O concelleiro Pedro José González considera que a cuestión vai máis alá do déficit económico e evidencia “unha falta absoluta de visión política e de modelo de Concello”.
“Un evento que reúne deportistas, familias e visitantes debería ser unha oportunidade extraordinaria para encher os bares, restaurantes, comercios e establecementos de Leiro, pero o goberno do PP parece entender a Carreira Popular simplemente como unha sucesión de facturas que hai que pagar”, sinala.
González critica tamén que “se concentre toda a actividade no Salgueiral sen buscar fórmulas para integrar o casco urbano”. “Non dicimos que haxa que renunciar ao Salgueiral nin á comodidade que ofrece para a organización. Dicimos que hai que ter imaxinación e vontade política. Pódese manter alí o dispositivo loxístico e, ao mesmo tempo, levar a saída, a meta, puntos de animación ou actividades complementarias ás rúas do centro”, explica.
“Se conseguimos que centos de participantes e acompañantes pasen polo centro de Leiro, consuman nos nosos bares, merquen nos nosos comercios e coñezan os nosos establecementos, estaremos conseguindo que o investimento público teña un retorno. Iso é xestionar. O que fai agora o PP é simplemente gastar”, engade.
Transparencia nas achegas e no destino dos fondos
As e os socialistas reclaman tamén “máxima transparencia” sobre as achegas voluntarias realizadas para colaborar coa proba, que superan os 2.000 euros, e demandan que todas as cantidades recadadas e gastadas estean perfectamente fiscalizadas e sexan coñecidas polos veciños.
“Cando se fala de diñeiro público e de achegas dos veciños non pode haber zonas grises. Queremos saber canto entra, canto sae, en que se gasta cada euro e que retorno económico produce para Leiro”, afirman. Desde o Grupo Municipal Socialista consideran que a Carreira Popular debe ser “un orgullo para Leiro e non un problema económico para as súas arcas municipais”.
O PSdeG-PSOE de Leiro asegura que esta situación representa “un exemplo máis da necesidade dun cambio de rumbo no concello” e compromete que, se os veciños lles dan a súa confianza nas eleccións municipais de maio de 2027, implantarán “un modelo de xestión rigoroso, transparente e pensado para que cada euro público teña o maior retorno posible”.
“Nós non queremos acabar coa Carreira Popular; queremos que sexa mellor. Queremos máis deporte, máis ambiente, máis xente nas rúas e máis actividade para os negocios de Leiro. E queremos facelo sen que o Concello teña que asumir un buraco de case 5.000 euros por unha mala planificación”, apuntan os concelleiros socialistas.

