concellos INICIATIVAS

O PSOE de Barbadás logra a unanimidade para impulsa a recuperación dos lavadoiros tradicionais

O PSDEG-PSOE BARBADÁS LOGRA A APROBACIÓN UNÁNIME DA SÚA PROPOSTA PARA RECUPERAR OS LAVADOIROS TRADICIONAIS E LAMENTA O BLOQUE ÁS INICIATIVAS PARA MELLORAR O FUNCIONAMENTO MUNICIPAL

As concelleiras socialistas salientan o acordo de toda a corporación para rehabilitar os lavadoiros de Barbadás, Bentraces e Piñor e critican que PP, BNG e o goberno municipal impedisen aprobar un protocolo para garantir a representación de toda a corporación nos actos institucionais

Victoria Morenza advertiu, con todo, de que “aprobar unha moción non pode ser o punto final, senón o punto de partida”, polo que reclamou ao goberno municipal que “se poña a traballar canto antes nun inventario e nun calendario de actuacións que permita saber que lavadoiros necesitan intervención, que investimentos son necesarios e de onde poden proceder os fondos”

Destacan que ao longo do pleno se fixeron referencias constantes á situación política do goberno municipal e á posibilidade dunha moción de censura, convertendo esta cuestión nun dos elementos recorrentes do debate

Barbadás, 8 de setembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás destaca que no pleno municipal celebrado onte, as concelleiras socialistas conseguiron sacar adiante por unanimidade a súa moción para impulsar a recuperación dos lavadoiros tradicionais do municipio, ao tempo que lamentan o rexeitamento da maioría da corporación a unha segunda iniciativa destinada a mellorar a participación e a representación institucional de todos os grupos municipais.

Un dos asuntos centrais da sesión foi a moción presentada polo PSOE para a rehabilitación dos tres lavadoiros de Barbadás, Bentraces e Piñor, así como para a elaboración dun plan de actuación sobre aqueloutros lavadoiros tradicionais do municipio que aínda precisan dunha recuperación integral. A iniciativa socialista contou co apoio unánime da corporación, permitindo dar un primeiro paso para poñer en valor uns elementos que forman parte do patrimonio histórico, etnográfico e arquitectónico de Barbadás.

A voceira municipal socialista, Victoria Morenza, celebrou o acordo e destacou a necesidade de que a aprobación plenaria se traduza agora en actuacións concretas. “Os lavadoiros forman parte da memoria colectiva de Barbadás e durante décadas foron espazos fundamentais para a vida das nosas parroquias. Non podemos permitir que continúen deteriorándose ata desaparecer. O acordo de hoxe é importante porque abre a porta a unha recuperación integral e planificada deste patrimonio”, sinalou.

Morenza advertiu, con todo, de que “aprobar unha moción non pode ser o punto final, senón o punto de partida”, polo que reclamou ao goberno municipal que “se poña a traballar canto antes nun inventario e nun calendario de actuacións que permita saber que lavadoiros necesitan intervención, que investimentos son necesarios e de onde poden proceder os fondos”.

O PP, BNG e goberno municipal rexeitan un protocolo para garantir a representación de toda a corporación

O pleno tamén abordou a moción socialista para modificar o Regulamento Orgánico Municipal e introducir un protocolo que mellore a imaxe institucional do concello e garanta que esta sexa representativa da composición da corporación municipal. A proposta foi rexeitada cos votos en contra do PP (3), BNG (2) e grupo de goberno (3), mentres que votaron a favor os cinco concelleiros e concelleiras do PSdeG-PSOE e os dous concelleiros non adscritos.

Para Victoria Morenza, o resultado evidencia “unha concepción profundamente partidista da institución municipal” e lamentou que “se prefira que os actos institucionais sexan utilizados como patrimonio exclusivo do goberno en lugar de representar ao conxunto da corporación”.

“Estamos falando de algo tan sinxelo como que cando o concello organiza un acto institucional, a imaxe que se proxecte sexa a do concello, non a dun determinado partido político. A corporación é plural e esa pluralidade ten que estar presente tamén na representación institucional”, afirmou.

A voceira socialista considera especialmente “incomprensible” que unha proposta que buscaba “dar maior transparencia, normalidade e representación institucional” non obtivese o respaldo da maioría. “Non estamos pedindo privilexios para o PSOE. Estamos pedindo que se respecte a representación que os veciños e veciñas de Barbadás decidiron nas urnas”, engadiu.

O PSOE apoia a reprobación ao goberno municipal polo exceso de intervencións nos plenos

Durante a sesión tamén se debateu a moción presentada polos concelleiros non adscritos Manuel Quintas e Luis Dorribo, destinada a reprobar o actual grupo de goberno municipal polo abandono ou bloqueo dos principais proxectos estratéxicos para Barbadás e polo seu exceso nos tempos de intervención ao final de cada punto.

A iniciativa contou cos votos favorables dos dous concelleiros non adscritos, os dous concelleiros do BNG e as cinco concelleiras do PSdeG-PSOE, mentres que votaron en contra os tres concelleiros do PP, os tres concelleiros do grupo de goberno e o concelleiro do Partido Galego, coa ausencia do concelleiro popular Roberto, que abandonou a sesión.

O PSOE considera especialmente relevante que a moción puxese enriba da mesa “a parálise e a falta de avances en cuestións fundamentais para o futuro de Barbadás” e que boa parte do debate se centrase tamén no funcionamento do goberno municipal.

Victoria Morenza explicou que o Grupo Socialista apoiou a iniciativa porque “moitas das cuestións que se poñen enriba da mesa non son novas para o PSOE, senón problemas que vimos denunciando e que afectan directamente á capacidade do concello para desenvolver proxectos”.

A socialista tamén puxo o foco no funcionamento das sesións e na necesidade de que exista un maior equilibrio entre goberno e oposición. “Xa cando estabamos no Goberno considerabamos que as intervencións do alcalde eran excesivas. Dicíanllo á cara. Se hai unha discrepancia, hai que dicila. Pero unha Corporación municipal non pode funcionar como se só tivese voz unha persoa”, sinalou Morenza.

A voceira socialista foi especialmente crítica coa dinámica dos plenos e co papel do alcalde: “O señor alcalde fala, fala, fala, fala. E non hai quen o calle. Está no seu dereito, pero os concelleiros e concelleiras tamén estamos aquí para facer propostas”, afirmou.

Morenza defendeu ademais a lexitimidade das iniciativas presentadas pola oposición: “Non necesitamos informes técnicos para traer unha proposta ao pleno. Somos concelleiros. Non vimos aquí a facer encaixe de bolillos. Vimos a facer propostas, e esta é unha proposta tan lícita como calquera outra”.

A moción de censura, presente de maneira constante no debate plenario

Desde o PSdeG-PSOE de Barbadás tamén destacan que ao longo do pleno se fixeron referencias constantes á situación política do goberno municipal e á posibilidade dunha moción de censura, convertendo esta cuestión nun dos elementos recorrentes do debate.

Para as socialistas, esta situación evidencia “a debilidade política do actual Goberno municipal e a profunda inestabilidade que se está vivindo nesta recta final do mandato”.

Morenza cualificou con ironía o momento político que vive Barbadás. “Este final de lexislatura está sendo épico”. A voceira socialista considera que “o que está acontecendo no concello é consecuencia dunha forma de gobernar que non está sendo capaz de xerar consensos nin de garantir unha maioría estable para sacar adiante os proxectos que Barbadás necesita”.

O PSOE dá a benvida de novo a Elisabet González ao pleno municipal

Por outra banda, o PSdeG-PSOE de Barbadás quixo aproveitar a sesión para dar a benvida novamente a Elisabet González ao pleno municipal, tras o seu regreso ás sesións da corporación.

As socialistas trasladaron a súa satisfacción por volver contar coa súa presenza no máximo órgano de representación municipal e salientaron a importancia de que todas as voces que forman parte da corporación poidan participar activamente na vida política de Barbadás.

Desde o Grupo Municipal Socialista sinalan que o pleno deixa así “unha fotografía clara do momento político que vive Barbadás: por unha banda, é posible chegar a acordos cando se poñen por diante os intereses do municipio, como demostra a aprobación unánime da moción dos lavadoiros; pola outra, existe unha preocupante falta de vontade para avanzar en cuestións relacionadas coa pluralidade, a representación institucional e o funcionamento do Concello”.

O PSOE reclama finalmente ao goberno municipal que “abandone a confrontación permanente, escoite as propostas da oposición e aproveite a recta final do mandato para recuperar a capacidade de acordo e poñer os intereses de Barbadás por diante dos intereses partidistas”.