Concello de Ourense EDUCACION

As socialistas do Concello de Ourense reclaman políticas transversais para frear a perda de alumnado

“Cando se deseñe unha rúa temos que pensar tamén nos nenos. Cando se faga un orzamento, nas familias. Cando se deseñe o transporte, en como chega unha nai cun carriño. Cando se planifique a cultura, tamén na infancia. E cando se fale de vivenda, en que unha familia nova poida quedar na cidade. Os datos actuais deben servir para actuar con ambición e non para resignarse”, exhortou a voceira, Natalia González

As familias non necesitan que lles expliquemos que a situación demográfica é complicada. Necesitan saber que o Concello está do seu lado”, afirmou

En Ourense, a 8 de setembro de 2026. A portavoz do grupo municipal socialista no Concello de Ourense, Natalia González, reclamou en rolda de prensa ante os medios de comunicación unha política local “ambiciosa e transversal” de apoio á infancia e mocidade e ás familias ante os datos que debuxa o inicio do novo curso escolar, que volven poñer de manifesto o descenso da poboación infantil e do alumnado, especialmente nas etapas máis temperás.

González considera que estes datos deben servir para “abrir un debate sobre a cidade que queremos ser dentro de dez, quince ou vinte anos” e advertiu de que a resposta non pode ser asumir a perda de nenos e nenas como algo inevitable. “Hai dúas formas de reaccionar: dicir que isto é demografía e que non podemos facer nada ou dicir precisamente o contrario, que porque temos este problema temos que facer moito máis. Nós levamos 3 anos presentando iniciativas que amosan que se poden facer moitas políticas no eido educativo e da conciliación dende a Aministración local. Pero falta a vontade política para levalas a cabo”, sinalou.

As cifras publicadas estes días na prensa evidencian, para as socialistas, a dimensión do reto. “A caída de alumnado na cidade é especialmente preocupante nas etapas iniciais: os datos apuntan a mínimos históricos en Infantil e Primaria e a unha tendencia descendente que se arrastra dende hai anos”, destacou.

Natalia González defendeu, ademais, que a natalidade trabállase facendo unha cidade na que criar sexa máis fácil”, antes de reclamar ao executivo de DO que poña en marcha as propostas que o PSOE xa levou ao Concello para o fomento da lectura, a saúde mental, a conciliación ou mesmo o fomento da natalidade.

Tamén subliñou a necesidade de garantir que ningún neno ou nena quede atrás por razóns económicas. A tamén secretaria xeral do partido na cidade e candidata á Alcaldía de Ourense lembrou que máis do 78 % das solicitudes de axudas municipais para libros e material escolar quedaron fóra, con máis de 700 solicitudes e só 152 familias beneficiarias, e que no servizo de comedor quedaron 77 solicitudes en lista de espera e 550 rexeitadas. “Se a realidade das familias cambiou, tamén ten que cambiar a resposta que damos ás súas necesidades”, afirmou lembrando que xa pediron que se desenvolvan unas novas bolsas para comedor e libros atendendo ao tecido social actual ourensán.

“Máis orzamento, criterios máis xustos e convocatorias capaces de chegar realmente ás familias que precisan estas axudas, así como garantir que comer no colexio non se converta nun problema económico”, engadiu.

A portavoz reclamou igualmente unha programación infantil e xuvenil estable nos barrios, con acceso á lectura, cultura, deporte, creación, música e ocio, independentemente da capacidade económica das familias. “Investir na infancia non é só investir en servizos. É investir no talento que vai ter Ourense dentro de dez ou vinte anos”, subliñou.

Por outra banda, recordou que no mes de maio o Pleno aprobou a creación dun Plan Municipal de Apoio á Natalidade e ás Familias, unha proposta das socialistas que, segundo González, debe pasar xa “do papel aos feitos”. “As familias non necesitan que lles expliquemos que a situación demográfica é complicada. Necesitan saber que o Concello está do seu lado”, incidíu.

Por iso, o PSdeG reclama que este plan se desenvolva con medidas concretas de apoio á crianza, conciliación, infancia e familias. E tamén con recursos económicos. O PSOE propuxo 300.000 euros para o plan Ourense Medra, destinados a infancia, familias e natalidade, e 280.000 euros para o plan Ourense Suma, ademais de reforzar as partidas destinadas a libros, material escolar, comedor e conciliación. “Non estamos falando de boas intencións. Estamos falando de prioridades orzamentarias, tal e como presentamos nas nosas emendas ao presuposto, do que aínda nada máis sabemos, por certo”, apostillou.

Finalmente, Natalia González defendeu que as familias deben converterse nunha política transversal do Concello, e non nunha competencia illada, nunha campaña ou nunha axuda puntual. “Cando se deseñe unha rúa temos que pensar tamén nos nenos. Cando se faga un orzamento, nas familias. Cando se deseñe o transporte, en como chega unha nai cun carriño. Cando se planifique a cultura, tamén na infancia. E cando se fale de vivenda, en que unha familia nova poida quedar na cidade. Os datos actuais deben servir para actuar con ambición e non para resignarse”, rematou.