As e os socialistas rexistraron na Cámara autonómica unha batería de iniciativas para que o goberno do PP asuma un compromiso no vindeiro Orzamento para 2027 que revirta a desigualdade á que leva condenando a Ourense durante décadas con respecto ao resto de provincias
“A falta dun sistema metropolitano plenamente integrado obriga a moitas persoas a depender do vehículo privado, dificulta o acceso ao emprego e aos servizos públicos e limita as posibilidades de conexión entre a cidade e os principais núcleos residenciais e económicos da súa área de influencia”, advertíu Carmen Rodríguez recordando tamén que todos e cada un dos anuncios realizados dende a Deputación non remataron nun servizo real a día de hoxe
En Ourense, a 10 de setembro de 2026. “Levamos 31 anos de verbos administrativos acumulados”, comezou expoñendo esta mañá ante os medios de comunicación a secretaria xeral do PSOE na cidade e portavoz do grupo municipal socialista no Concello de Ourense, Natalia González. “A historia do transporte metropolitano é unha reivindicación que leva máis de tres décadas pasando por anuncios, estudos, negociacións, convenios e compromisos políticos sen chegar a converterse nun servizo real para a cidadanía”, lamentou.
A tamén candidata á Alcaldía de Ourense realizou unha viaxe ata o Polígono de San Cibrao nun dos autobuses que prestan actualmente o servizo, con escasas frecuencias, e que non se adaptan ás necesidades dos e das empregadas que optan polo transporte público para desprazarse ata o seu lugar de traballo. “A veciñanza de concellos como Barbadás, Coles, Amoeiro, Taboadela, San Cibrao ou a propia capital da provincia continúan sen poder desfrutar dunha débeda que xa se cumpríu co resto de grandes urbes de Galicia”, lembrou.
Neste senso, sinalou que o compromiso político e económico ten que ser prioritario por parte de todas as Administracións implicadas en poñelo en marcha. “Non podemos seguir agardando por máis estudos e proxectos. Urxe poñer en marcha as 8 liñas xa proxectadas e realizar un periodo de proba e avaliación que recolla as posibles deficiencias e melloras, os rexistros de usuarios e usuarias, a sustentabilidade económica e que publicite o servizo para que a cidadanía se anime a mudar os vehículos particulares por un transporte máis respectuoso co medio ambiente”, defendeu.
Pola súa banda, a deputada no Parlamento de Galicia Carmen Rodríguez tamén realizou o traxecto en autobús para reivindicar a continua discriminación coa provincia de Ourense que o PP leva exercendo durante décadas. “Falar de transporte metropolitano é falar de conectar ás persoas cos centros educativos, sanitarios e tamén de traballo”, subliñou. E engadíu que dende o goberno autonómico deben trazar políticas integrais e transversais e que “falar de transporte metropolítano e falar de emprego”.
“En Ourense temos a menor taxa de actividade do Estado, un 46%. 13 puntos menos que en España e case 7 puntos menos que en Galicia. Precisamos que a oferta pública de emprego teña en conta un trazado de transporte público coherente. Precisamos que cando un ou unha demandante de emprego reciba unha oferta de traballo de calquera dos polígonos colindantes dispoña dunha oferta de transporte metropolítano que se adecúe ás quendas de xornada contínua, partida ou ás reduccións de xornada”, reclamou.
A socialista rexistrou na Cámara autonómica unha batería de iniciativas para que o goberno do PP asuma un compromiso no vindeiro Orzamento para 2027 que revirta a desigualdade á que leva condenando a Ourense durante décadas con respecto ao resto de provincias. “A falta dun sistema metropolitano plenamente integrado obriga a moitas persoas a depender do vehículo privado, dificulta o acceso ao emprego e aos servizos públicos e limita as posibilidades de conexión entre a cidade e os principais núcleos residenciais e económicos da súa área de influencia”, advertíu recordando tamén que todos e cada un dos anuncios realizados dende a Deputación non remataron nun servizo real a día de hoxe.
“Este transporte debe ser entendido como unha política de mobilidade, pero tamén como unha política de igualdade territorial, cohesión social, sustentabilidade e desenvolvemento económico”, exhortou ao comprobar que as e os usuarios que actualmente se desprazan en autobús ata a Tecnópole e outros puntos do Polígono de San Cibrao pagan 1,60 euros por un desprazamento que non ofrece transbordo co transporte público e que, segundo o punto ao que se viaxe, pode durar máis de 40 minutos.
Así as cousas, o alcalde de Taboadela e deputado provincial Alvaro Vila reivindicou tamén a urxencia para implantar un sistema eficaz coordinado por todas as administracións con responsabilidade na materia.
O principal obstáculo continúa sendo o financiamento. Os gobernos implicados manteñen diferenzas sobre o custo da ampliación das liñas urbanas e sobre a distribución da responsabilidade económica. A Deputación sinalou publicamente que os cálculos deben ser actualizados e que é necesario reducir os custos fixos para facer viable o proxecto. “Non nos sirven máis a postura cicatera da Xunta de Galicia, que ten que financiar a maior parte do servizo, e a postura derrotista que sempre pon enriba da mesa de negociación o BNG”, afirmou reivindicando o papel fundamental do PSOE á hora de sentar a falar a todas as formacións políticas e mediar para intentar solventar un problema que leva demasiados anos enquistado en Ourense. “Nós non nos imos deixar de insistir ata que o transporte metropolitano sexa unha realidade. Basta xa de dilacións e dun servizo que non responde ás necesidades das persoas para as que traballamos”, expuxo contundente.
As e os socialistas lembran que Concello de Ourense ten, evidentemente, responsabilidades que debe asumir. Entre elas está resolver correctamente a situación da contratación do transporte urbano e garantir un servizo estable e planificado que permita a súa integración coa futura rede metropolitana. Pero puntualizan que a situación municipal non pode servir para que a Xunta renuncie ao exercicio das súas competencias nin para atrasar indefinidamente unha demanda que non afecta exclusivamente á cidade, senón tamén aos concellos da súa contorna e a miles de persoas que se desprazan diariamente entre eles.
“Levamos máis de 30 anos esperando. Xa tivemos tempo para estudar o problema. Agora toca resolvelo. Porque o transporte metropolitano non é unha promesa máis. É unha ferramenta para que unha persoa poida vivir nun concello, traballar noutro, estudar na cidade ou levar aos seus fillos e fillas ao médico sen necesitar un coche para cada movemento”, rematou Natalia González.

