Celebran que se vaia convocar o Consello Municipal desta área para elaborar unhas novas bases de libros e comedor, reclaman ampliar Xantar na Casa a 150 prazas e advirten da insuficiencia dos fondos para emerxencias sociais
En Ourense, a 15 de setembro de 2026. O grupo municipal socialista valora positivamente os avances confirmados hoxe na Xunta de Área de Servizos Sociais en varias reivindicacións que as edís do PSdeG veñen defendendo de maneira reiterada durante este mandato, tanto no Pleno como neste órgano de control publicamente.
A voceira socialista, Natalia González, destaca especialmente a confirmación por parte do executivo local de que proximamente se convocará o Consello Municipal de Servizos Sociais para abordar a elaboración dunhas novas bases das axudas para libros, material escolar e comedor precisas dende hai anos por non estar actualizadas conforme á realidade actual.
“É unha moi boa noticia e un avance importante porque é exactamente o que reclamamos. Levamos anos pedindo unhas bases máis xustas, con criterios actuais e recursos suficientes, e nas últimas semanas pedimos expresamente que se convocase o Consello Municipal de Servizos Sociais para facelo coa participación dos profesionais e das entidades”, sinala.
As socialistas lembran que na convocatoria deste curso máis do 78% das solicitudes para libros e material escolar quedaron fóra, con máis de 700 solicitudes e só 152 familias beneficiarias, mentres que nas axudas de comedor 77 solicitudes quedaron en lista de espera.
“Dixemos que non queriamos outro parche, senón cambiar o modelo. Que hoxe se confirme que se vai abrir ese proceso é un logro importante, pero agora temos que conseguir entre todos que as novas bases estean preparadas con tempo, conten con orzamento suficiente e dean resposta á realidade económica das familias ourensás”, incide.
Outro dos asuntos abordados foi Xantar na Casa, un servizo sobre o que o grupo do PSdeG tamén levou iniciativas ao Pleno e realizou reiteradas demandas nas Xuntas de Área ante a existencia de persoas en lista de agarda. Trala modificación do convenio coa Xunta de Galicia e a ampliación do servizo, o goberno confirmou hoxe que as 100 prazas existentes están xa cubertas e hai outras catro persoas en espera.
Para a tamén secretaria do partido en Ourense, estes datos amosan que “a demanda existe e segue medrando” e, por iso, o PSOE propón que o Concello comece xa a traballar para que en 2027 esta axuda poida chegar ás 150 prazas.
“O tempo demostrou que tiñamos razón cando defendemos que había que reforzar este recurso. Se acabamos de ampliar ata 100 prazas e xa están todas ocupadas, non podemos volver esperar a ter unha lista de agarda importante para reaccionar. Hai que anticiparse e planificar a seguinte ampliación”, defende a voceira socialista.
Na mesma liña, abordaron tamén a situación das axudas de emerxencia social. Segundo os datos facilitados na Xunta de Área, a 9 de setembro quedaban 105.000 euros dispoñibles para facer fronte a 467 solicitudes pendentes.
“Estamos falando de persoas que precisan unha resposta cando atravesan unha situación especialmente difícil. Aquí non caben demoras. O goberno terá o noso apoio para a modificación orzamentaria que debe traer ao Pleno para reforzar esta partida”, destaca a voceira.
Finalmente, as socialistas valoran tamén positivamente que estea xa en fase de borrador o novo regulamento do Fogar do Transeúnte, outra das demandas formuladas polo grupo do PSdeG tal e como se pode comprobar na hemeroteca.
O PSOE reclamara expresamente que a actualización do regulamento se realizase contando cos profesionais e co persoal da instalación e que posteriormente se abrise tamén ás achegas dos grupos políticos. Segundo a información trasladada hoxe, o borrador está pendente de pecharse coas traballadoras sociais e cos empregados e empregadas do servizo antes de abrirse á participación dos grupos políticos, co obxectivo de que o novo regulamento poida quedar aprobado e en funcionamento antes de finalizar 2026.
“Seguiremos facendo o mesmo que levamos facendo durante todo o mandato: estar encima dos problemas, levar propostas concretas e facer seguimento ata que se convertan en solucións. Hoxe vemos avances en varias cuestións que impulsamos desde o Grupo Municipal Socialista. Alegrámonos cando as nosas propostas serven para mellorar os servizos públicos, pero tamén deixamos claro que queda traballo por facer”, conclúe González.

